xoves, 09 de decembro de 2021
O Concello programa 25 visitas guiadas para a I Semana do Patrimonio Invisible de Ferrol, que se celebrará do 15 ao 18 de decembro
A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presentou esta mañá a primeira edición desta iniciativa municipal, que abrirá á cidadanía un total de 8 espazos e ofertará preto de 360 prazas. Explicou que o obxectivo é “ensinar aos veciños o interior de inmobles habitualmente pechados ao público cun valor patrimonial, histórico e cultural único e indiscutible”

O Concello de Ferrol vai celebrar a I Semana do Patrimonio Invisible de Ferrol entre os días 15 ao 18 de decembro, unha iniciativa municipal que abrirá á cidadanía as portas de monumentos que habitualmente permanecen pechados. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presentou esta mañá o programa de visitas guiadas, en total 25 para acceder a 8 espazos. A edil estivo acompañada polo coordinador do evento, César Abella, director de Trivium, Estratexias de Cultura e Turismo.