Novas

martes, 21 de decembro de 2021

O Concello distribúe un centenar de unidades didácticas sobre a figura e obra do arquitecto ferrolá Rodolfo Ucha para traballar nos centros da ESO e Bacharelato

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que se trata dun “rigoroso” documento cuxa elaboración contou coa colaboración da historiadora ferrolá Pilar Freire Rodríguez e a supervisión do departamento de Historia do IES Saturnino Montojo


O Concello distribúe un centenar de unidades didácticas sobre a figura e obra do arquitecto ferrolá Rodolfo Ucha para traballar nos centros da ESO e Bacharelato

 O Concello de Ferrol continúa coa posta en marcha de diferentes iniciativas orientadas á divulgación e promoción da obra e figura do arquitecto ferrolá Rodolfo Ucha, do que este se ano se conmemorou os 40 anos do seu falecemento e o próximo os 140 do seu nacemento na cidade. 


A última iniciativa está dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros educativos da cidade. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que o Concello vén de editar e distribuír un centenar de unidades básicas sobre o modernismo de Rodolfo Ucha en Ferrol tituladas O Modernismo en Ferrol. O legado de Rodolfo Ucha, un “rigoroso” documento cuxa elaboración contou coa colaboración da historiadora ferrolá Pilar Freire Rodríguez, autora de Entender o Modernismo a través da obra de Rodolfo Ucha, e a supervisión do equipo do departamento de Historia do IES Saturnino Montojo. Trátase, dixo a edil, dunha ferramenta “especialmente recomendable para quen elixa as materias optativas de Paisaxe e sostibilidade e Patrimonio artístico e cultural de Galicia. 

Martínez Montero indicou que esta unidade didáctica ten varios obxectivos, uns de carácter xenérico e outros máis específicos. No relativo aos xenéricos atópanse os de “familiarizar ao alumnado co urbanismo e habitabilidade, entender as características do Modernismo e, sobre todo, o seu valor como movemento rupturista e innovador, entender o contexto histórico no que naceu, co auxe da burguesía como reacción á industrialización, e fomentar o coñecemento da paisaxe urbana máis próxima”. En canto aos obxectivos específicos, a concelleira citou os de coñecer a figura de Rodolfo Ucha “como un arquitecto prolífico e innovador ao que debemos boa parte dos edificios máis senlleiros do barrio da Magdalena, afondar nas aplicacións prácticas do modernismo ferrolán —como as galerías—, poñer en valor a relevancia deste movemento arquitectónico na fisonomía urbana de Ferrol e sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de conservar e rehabilitar o patrimonio”.

Ao longo de 34 páxinas, o profesorado poderá traballar co alumnado dende diferentes eidos nesta materia, desde a biografía de Rodolfo Ucha, os detalles do Modernismo e o paso ao neoclecticismo na nosa cidade. Estas sesións inclúen unha parte a desenvolver na aula, na que se mesturan actividades teóricas e outras prácticas, e outra a realizar nas rúas, para a que a propia unidade recomenda axudarse da plataforma que o Concello de Ferrol puxo en marcha tamén este mesmo ano: https://modernismo.visitferrol.com/

A edil agradeceu a todas as persoas implicadas na elaboración desta unidade didáctica o seu “traballo e esforzo” e manifestou que con esta unidade, que se suma a outras iniciativas, “dáse un paso máis na recuperación e posta en valor da figura do que foi o máis importante arquitecto que tivo Ferrol”. Por último, confiou en que “este material didáctico sexa do interese dos centros escolares ferroláns e se poida impartir xa este mesmo curso académico”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar