Novas

luns, 03 de xaneiro de 2022

O Concello instalará o segundo parque de calistenia da cidade en Serantes e renovará o biosaudable da Malata

A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, visitou recentemente a zona xunto co presidente da asociación veciñal do barrio, Luis Casas


O Concello instalará o segundo parque de calistenia da cidade en Serantes e renovará o biosaudable da Malata

O Concello de Ferrol vén de contratar o que será o segundo parque de entrenamento exterior, de calistenia, da cidade. A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que a súa localización será o barrio de Serantes, próximo ao actual parque xunto ao río Sardiña, entre a estrada da Malata e a rúa Aldea a Malata. Trátase dun espazo rodeado de instalacións deportivas “polo que resulta moi boa opción para complementalo con este novo equipamento ao aire libre”, explicou a concelleira. “Atópase nun entorno moi óptimo para a práctica de deporte”. 


O parque de calistenia contará con varios elementos en aceiro galvanizado: un banco para abdominais; un banco con catro asas para facer flexións elevadas con dúas alturas distintas; tres barras situadas a distintas alturas tamén para flexións, de cosas e dominadas baixas, entre outros exercicios; outro elemento con dúas barras paralelas de preto de 140 cm de alto; e dous tipo step para saltos a alturas. O novo espazo para o deporte contará con chan amortecedor. 

A concelleira visitou recentemente o espazo no que se instalará o novo parque acompañada polo presidente da asociación de veciños, Luis Casas. O prazo para a instalación é de tres meses e conta cun orzamento de preto de 35.400 euros (sen ive).

A edil anunciou que tamén se renovarán os elementos da área biosaudable do paseo da Malata co fin de “seguir contribuíndo ao fomento da educación na actividade física entre os nosos veciños”. O Concello vén de contratar por preto de 15.000 euros (sen ive) a actualizacións dos equipos: unha barra horizontal como asideiro e un elemento tipo step; outro formado por catro postes cunha plataforma con pequeno movemento para mellorar o equilibrio; unha roda móbil para exercitar os hombreiros e os brazos; e outro formado por catro postes situados en cadrado que contan con espaldeiras, barras horizontais a gran altura e dúas orellas con catro alturas para estirar. Neste caso tamén se renovará o chan e o prazo de execución é de dous meses. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar