Novas

luns, 03 de xaneiro de 2022

A Cabalgata dos Reis Magos de Ferrol sairá de Caranza, percorrerá vías amplas e rematará co saúdo desde o balcón do Teatro Jofre

A do rural terá lugar mañá martes, partirá do estadio da Malata ás 15.45 horas e finalizará en Valón ás 21 horas


A Cabalgata dos Reis Magos de Ferrol, que terá lugar o próximo mércores, 5 de decembro, partirá ás 17 horas de Caranza, da rúa Pardo Bazán (preto do colexio La Salle), e rematará fronte ao Teatro Jofre, onde as súas maxestades saudarán desde o balcón a partir das 20.30 horas. Percorrerá por vías amplas, tal e como explicou o edil de Festas, Antonio Golpe, co fin de “evitar concentracións e promover o goce da cabalgata en espazos moi abertos”. Deste modo, pasará pola Avenida do Mar, Telleiras e a Avenida de Esteiro ata chegar ao Teatro Jofre. Este ano, por mor da covid, non haberá recepción oficial, non se distribuirán caramelos e as carrozas non levarán nenos. A comitiva da cabalgata estará formada “por oito carrozas, agrupacións musicais, de baile, grupos de animación e moita fantasía”, indicou o edil, quen invitou á poboación a gozar da cabalgata con “responsabilidade e mantendo as medidas de protección”. Colaborarán Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e haberá unha ambulancia. 

Pola súa banda, a cabalgata da zona rural terá lugar mañá martes, 4 de xaneiro, organizada entre a agrupación de asociacións de veciños da zona rural e o Concello. Participarán catro carrozas e partirá ás 15.45 horas do estadio da Malata. Continuará pola Cabana (16h), Serantes (16.20h), Vilasanche (16.35h), Mandiá (17h), Pazos (17.20), Santa Cecilia (17.45h), Marmancón (18.30h), Esmelle (18.50h), Covas (19.10h), San Jorge (19.30h), O Lago (19.50h), Xunta Veciñal (20.15h), Brión (20.40h) e Valón (21h), tal e como detallou a edil de Zona Rural, Ana Lamas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar