Novas

martes, 04 de xaneiro de 2022

Xa están dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Jofre as entradas para o acto de San Xiao

Poden retirarse hoxe e mañá de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas e o mesmo día 7 de 10 a 12 horas. O Concello concederá o premio de Ferrolán do Ano ao Campus Industrial e as insignias de ouro serán para o bailarín Jaime Pablo Díaz, as unidades de coidados paliativos e de hospitalización a domicilio (HADO) da área sanitaria, a Sociedad Artística Ferrolana, Salustiano Gómez Rodríguez (a título póstumo) e a Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Canido


Xa están dispoñibles desde hoxe no despacho de billetes do Teatro Jofre as entradas de balde para o acto pola festividade de San Xiao, que terá lugar o próximo venres, día 7 no Jofre. Poden retirarse hoxe e mañá de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas e o mesmo día de 10 a 12 horas. O acto comezará ás 12.15 horas. Cada persoa poderá retirar ata dúas entradas e para acceder será necesario presentar o certificado de vacinación, unha proba diagnóstica negativa realizada nas 72 horas antes para PCR e 48 horas no caso de test de antíxenos ou haber superado a covid nos últimos 6 meses. 


Este ano o Concello de Ferrol acordou por unanimidade no último pleno conceder o premio de Ferrolán do Ano ao Campus Industrial, como primeiro campus universitario de especialización de Galicia e de España. A acreditación do campus foi posible pola creación dunha unidade mixta de investigación UDC-Navantia e a recente renovación da oferta académica con seis novos títulos: Xestión Industrial de Moda, Xestión Dixital da Información e Educación,Grado Dual de Enxeñería Electrónica e os másteres de Deseño Industrial, Eficiencia Enerxética e Videoxogos. 

As insignias de ouro recaerán no bailarín Jaime Pablo Díaz, as unidades de coidados paliativos e de hospitalización a domicilio (HADO) da área sanitaria de Ferrol, a Sociedad Artística Ferrolana (SAF), o histórico dirixente veciñal Salustiano Gómez Rodríguez (a título póstumo) e a Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Canido. Jaime Pablo Díaz é director de Nova Galega de Danza, compañía que cumpre a súa primeira década cun estilo propio no que une a esencia da danza tradicional galega coa contemporánea. A súa obra ‘Leira’ optou a sete premios Max e acadou o de mellor intérprete masculino. Ademais de creador, intérprete e investigador, Jaime Pablo Díaz tamén imparte clases de danza en diferentes centros educativos. 

As HADO da área sanitaria fixéronse, por mor da covid, aínda máis importantes na resposta do sistema de saúde á pandemia. O seu persoal fixo un gran esforzo para a protección e mellora da calidade de vida dos pacientes con enfermidades cunha expectativa de vida limitada e tamén en canto á atención aos seus achegados. Tanto a atención hospitalaria como a hospitalización domiciliaria foron fundamentais nesa atención, e a eficacia, a coordinación e o alto nivel profesional do persoal dende o inicio da pandemia, pese ao perigo de contaxio por traballar en primeira liña, son especialmente destacables. 

A SAF cumpre medio século de vida mantendo un intenso labor artístico e cultural, ademais dun nutrido grupo de asociados. Todos os anos desenvolve un amplo programa de actividades entre as que se contan o Salón da Muller na Pintura ou os premios Hernán Esquío, de poesía; Camilo José Cela, de periodismo literario, e Álvaro Paradela, de novela curta, entre outras. 

Salustiano Gómez Rodríguez foi un dos dirixentes veciñais con máis destacada traxectoria no rural. Presidiu en varias ocasións a asociación O Cruceiro de Valón, ademais da Agrupación de A.VV. da Zona Rural, e formou parte da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite. Desenvolveu o seu labor profesional na antiga Bazán e foi concelleiro de Ferrol durante o mandato 1991-1995. 

Pola súa banda, a Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Canido celebra o centenario da súa fundación como referente nun dos barrios máis populosos da cidade. Na súa traxectoria ocupouse da promoción de todo tipo de actividades culturais e lúdicas, ademais de crear diferentes grupos artísticos.

O acto comezará ás 12.15 horas e contará con varias actuacións musicais. Tras as intervencións do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, por mor da conmemoración da irmandade entre ambas cidades, haberá un intercambio de agasallos. Proxectarase un vídeo sobre os homenaxeados e a continuación recibirán o seu recoñecemento e tomarán a palabra. Os rexedores estarán acompañados polos tenentes de alcalde de Ferrol, os voceiros municipais de Ferrol do PP e BNG e do PSOE e do PP de Lugo. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar