Novas

mércores, 05 de xaneiro de 2022

O Concello contrata a redacción de catro proxectos para renovar seis parques infantís

A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que se actuará nos de Amboage, Esteiro, Praza de Cuba I e II, Doniños, Esmelle e Covas


O Concello contrata a redacción de catro proxectos para renovar seis parques infantís

O Concello de Ferrol vén de contratar a redacción de catro proxectos para a renovación de seis parques infantís do municipio, tanto da zona urbana como da rural, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas. 


A edil explicou que o primeiro se refire ao parque infantil do barrio de Esteiro, o segundo ao da praza de Amboage (barrio da Magdalena), o terceiro aos dous parques da praza de Cuba (barrio do Ensanche A) e o cuarto fai referencia á renovación de tres recintos infantís da zona rural: Doniños, Esmelle e Covas. A redacción dos proxectos conta cun orzamento de 13.500 euros (sen impostos).

Máis renovacións e novos peches 
Lamas explicou que a vontade do goberno local é “seguir traballando para mellorar e modernizar os parques infantís da cidade” e lembrou que o seu departamento está a facer un “importante esforzo” para acondicionar e “manter nas mellores condicións os espazos de xogo para os máis pequenos”. Neste senso a edil lembrou que a comezos deste 2022 o Concello vai executar obras para reparar os valos de peche e cercos nun total de nove parques infantís co fin de “optimizar a estética dos peches destes espazos ao tempo que avanzar na súa seguridade”. Tamén se renovará por completo o parque infantil da Praza Toxos e Flores, entre os barrios de Ultramar e San Xoán, localizado entre a estrada de Castela e as rúas Colombia, Venezuela e Nicaragua. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar