Novas

mércores, 05 de xaneiro de 2022

O Concello atendeu no 2021 nas dúas oficinas de turismo da cidade a máis de 14.000 turistas e a preto de 9.200 peregrinos

O Castelo de San Felipe, que permaneceu pechado preto do dous meses, recibiu ao longo do pasado ano máis de 28.500 visitas


O Concello atendeu no 2021 nas dúas oficinas de turismo da cidade a máis de 14.000 turistas e a preto de 9.200 peregrinos

As dúas oficinas municipais de turismo, na Praza de Armas e no porto de Curuxeiras, atenderon ao logo do pasado ano 2021 a 14.125 persoas que chegaron a Ferrol para visitar a cidade. A esta cifra súmanse os preto de 9.200 peregrinos que tamén solicitaron información sobre o Camiño Inglés, que comeza no mesmo porto. Trátanse dunhas cifras “moi positivas”, apuntou esta mañá a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, quen insistiu en que a cidade está a rexistrar nos últimos meses un “importante aumento” en canto ao número de turistas, o que reflicte que “crece o interese por Ferrol”. 


Un dos maiores recursos turísticos da cidade, o Castelo de San Felipe, acumula cifras en aumento en canto ás visitas. A fortaleza pechou o pasado ano con 28.569 visitas —sobre todo durante os meses de xullo (5.500) e agosto (preto de 8.000)— nun exercicio no que permaneceu pechado ao público ao longo de preto de dous meses tanto por mor das restricións sanitarias pola covid-19 como por varias obras de rehabilitación que se levaron a cabo entre maio e xuño. Ao longo de 2020 visitaron o Castelo un total de 20.566 persoas. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, apuntou que “o patrimonio da cidade é un reclamo turístico indubidable” e lembrou o “esforzo que está a facer o goberno local para seguir coa posta en valor de toda a nosa riqueza histórica e patrimonial”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar