Novas

venres, 07 de xaneiro de 2022

Ángel Mato, na festividade de San Xiao: “O ano 2022 vai supoñer un punto de inflexión para Ferrol”

O alcalde lembrou que nos próximos meses se van pór en marcha “numerosos proxectos novos e outros que agardaban dende hai tempo un impulso definitivo”. Resaltou que “nos atopamos nun momento perfecto” pola próxima posta en marcha de varias obras urbanísticas na cidade e o “inicio do programa de construción de toda unha serie de fragatas para a Armada”


Ángel Mato, na festividade de San Xiao: “O ano 2022 vai supoñer un punto de inflexión para Ferrol”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá no Teatro Jofre o tradicional acto oficial pola festividade de San Xiao e a conmemoración da irmandade coa cidade de Lugo. Participaron tamén o voceiro do goberno local, Julián Reina, e os dos grupos municipais do PP, FeC e BNG. A alcaldesa lucense, Lara Méndez, acudiu acompañada polos voceiros do PSOE e PP de Lugo. 


A xornada comezou coa asistencia da concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, á misa do patrón na concatedral de San Xiao e a posterior firma no Libro de Ouro do Concello de todos os homenaxeados. A continuación comezou a cerimonia oficial no Teatro Jofre. Tras intercambiar ambos alcaldes agasallos de recordo da irmandade, Mato abriu o acto lembrando que a irmandade entre ambas cidades oficializouse a o abeiro dunha reivindicación: que Ferrol e Lugo “contaran con conexións ferroviarias modernas”. Neste senso, dixo, os galegos “dispoñemos dende agora dun tren do século XXI, unha resposta aos compromisos adquiridos polo Goberno central”. Unha vez acadado “para Ferrol e Lugo aumenta a urxencia do acceso á alta velocidade” posto que os tendidos que “nos unen coas modernas liñas entraron en uso hai máis de cen años e precisan de investimentos para a súa conversión en infraestruturas eficaces”. Trátase dunha reivindicación que “dende o momento no que me tocou asumir o cargo de alcalde situei entre as cuestións máis relevantes da miña axenda política”, lembrou. A súa importancia “está no mesmo plano que a modernización do estaleiro ou a explotación da nosa capacidade industrial e de innovación para a transición enerxética”. 

O alcalde sinalou que Ferrol camiña cara un novo modelo de cidade, cun “cambio de paradigma en canto á mobilidade, máis sostible e máis adaptada ás persoas”. Co este propósito, dixo, “atópanos nun momento perfecto” polas obras urbanísticas que van comezar nos próximos meses na cidade e o inicio do “programa de construción de toda unha serie de fragatas para a Armada”. Isto, unido “ás oportunidades de negocio que se abren a Navantia no referido a reparacións e na área de Turbinas ofrece un horizonte de carga de traballo suficiente durante os vindeiros anos na nosa industria”. Por todo elo, apuntou, o ano 2022 “vai supoñer un punto de inflexión para Ferrol” posto que nos próximos meses se van poñer en marcha numerosos proxectos novos e outros que agardaban dende hai tempo un impulso definitivo”. Ferrol “necesita unha continuidade a nivel estratéxico por enriba dos cambios políticos”. Neste senso mencionou futuros proxectos, como a remodelación da Avenida das Pías, o que será a primeira actuación do plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia no que se refire ao programa de humanización e mellora de tramos da Rede de Estradas do Estado en contornos urbanos, o derrubo da nave provisional do Mercado da Magdalena para convertelo nun espazo público para o goce da cidadanía ou a reurbanización da rúa Igrexa.

Logo de case dous anos de pandemia, dixo, “comezamos este 2022 con realismo pero tamén con confianza de que saberemos aproveitar este momento de cambio para situarnos no lugar de vangarda que nos corresponde en ámbitos como a industria e a innovación e de que seremos quen de construír ese Ferrol máis humano”. Mato rematou a súa primeira intervención cunha mensaxe de cara ao futuro e compartido con Lugo: “aproveitar” as oportunidades de ambas cidades “que chaman ao optimismo”. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo lembrou os orixes dos lazos de unión entre ambas cidades e apuntou que os concellos seguirán traballando como “actores principais” para mellorar o “territorio” e a “calidade de vida dos veciños”. O maior patrimonio das cidades, dixo, “son os seus cidadáns e o maior patrimonio dos cidadáns é a súa saúde”, engadiu. Neste senso indicou que a recente chegada do AVE a Galicia “non vai restar a nosa reivindicación de mellores comunicacións” para “lograr unha zona norte conectada”. Por último, Méndez insistiu na aposta “clara e decidida” dos concellos pola reindustrialización a través do talento dos seus cidadáns.  

Antes do inicio da entrega das distincións proxectouse un vídeo sobre o labor desenvolvido por cada un dos homenaxeados. O alcalde repasou a traxectoria de cada un deles, un traballo que fai de Ferrol unha cidade “moi viva” que “concentrou un enorme talento dende o seu mesmo nacemento coa Ilustración”. 

Sobre o recoñecemento ao bailarín Jaime Pablo Díaz o alcalde apuntou que chégalle tras o “grandísimo éxito da súa obra ‘Leira’ nos premios Max” pero que detrás do galardón que obtivo ao mellor intérprete hai unha “sólida carreira ao longo da que tamén prestou especial atención á formación de novos bailaríns”. A compañía que dirixe, Nova Galega de Danza, cumpre dez anos convertida “nunha referencia dentro do panorama galego pola súa integración da danza tradicional coa contemporánea”, indicou. 

Pola súa banda, as Unidades de Coidados Paliativos e de hospitalización a domicilio da área sanitaria “poderían obter o noso recoñecemento en calquera momento de calquera ano”, dixo. A distinción de hoxe simplemente da “un carácter oficial ao agradecemento de toda a sociedade para uns profesionais que desenvolven o seu traballo nos momentos máis delicados para os pacientes e as súas familias”. A ese labor “indispensable e impagable uniuse durante moitos meses o perigo de desenvolvelo en primeira liña no medio dunha pandemia”. Estes profesionais, apuntou, “exemplifican hoxe o importante que é dispor dun sistema público de saúde forte e con persoal tan dedicado”. 

Durante 50 anos, continuou, a Sociedad Artística Ferrolana “vén desenvolvendo un programa de actividades que se converteron en citas fixas no calendario da cidade”, como exposicións pictóricas anuais ata a convocatoria de diversos premios literarios, sempre co respaldo do público. 

A Insignia de Ouro de Ferrol para Salustiano Gómez a título póstumo “chega tarde” para recoñecer “unha vida dedicada á veciñanza; as máis das veces, dende o asociacionismo, pero durante catro anos, tamén dende a corporación municipal”, dixo o alcalde, quen lembrou que “no recordo queda ademais a súa actividade na plataforma galega de afectados pola hepatite, dende a que, entre outras cousas, contribuíu a visibilizar esta enfermidade”.

A quinta das insignias concédese a unha entidade “centenaria e moi activa”, cunha historia “chea de iniciativas orientadas á cultura e ao lecer”. A Sociedade Recreativa e Deportiva Canido é unha das “sinais de identidade dun barrio moi populoso e orgulloso do seu dinamismo”. Por último, o premio de Ferrolán do Ano foi para o Campus Industrial, o primeiro campus universitario de especialización de Galicia e de España. Trátase dun “fito importantísimo no camiño de crear e asentar en Ferrol o talento sobre o que debemos cimentar o futuro”. A todos os homenaxeados trasladou a súa gratitude por “engrandecer Ferrol” co seu labor. 

Tras recoller a distinción, o bailarín Jaime Pablo Díaz agradeceu o recoñecemento e recoñeceu que non concibe “a vida sen danza”. A arte, dixo, “fainos mellores persoas”. Marcelino Mosquera, de atención paliativa, agradeceu ao Concello “poñer o foco nun ámbito da sanidade descoñecida” e sinónimo de “esperanza, dignidade e vida”. Tamén desexou que Ferrol se converta agora “nunha cidade compasiva”. Recolleu a insignia xunto a María del Carmen Riveira. Carmen Carballada e Montserrat Pena recolleron a distinción á Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO). A primeira lembrou o “traballo en equipo” dos profesionais da unidade da Área Sanitaria de Ferrol e agradeceu aos pacientes e familiares por “tantas leccións de vida recibidas”. 

O presidente da SAF, Ricardo Díaz-Casteleiro, destacou a vontade da entidade de seguir traballando para lograr “grandes proxectos” en favor da cultura en Ferrol e Manuel Pita, neto de Salustiano Gómez Rodríguez, acompañado pola viúva do ferrolán, enxalzou o traballo do seu avó e lembrou o que lle gustaba destacar: “Valón, o mellor barrio da cidade, a zona rural de Ferrol, un paraíso no noso concello, e todo Ferrol, que ten moito pasado, moito presente e moito futuro”. Pola súa banda, Daniel Rodríguez, presidente da Asociación Recreativa e Deportiva Canido, presumiu dos cen anos de historia da entidade, cen anos “facendo barrio e facendo cidade”. 

Por último, a vicerreitora da Universidade da Coruña, María Jesús Movilla, e a directora do Campus Industrial, Ana Ares, recolleron a distinción do Campus Industrial como Ferrolán do Ano. Movilla destocou o “alto valor simbólico” do recoñecemento, que “nos reconforta e estimula”. O campus, dixo, avanza con “optimismo e camiña con firmeza” coa colaboración da sociedade, institucións, empresas, organizacións, a cidade de Ferrol e a súa área metropolitana.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar