Novas

luns, 10 de xaneiro de 2022

O Concello solicita á Xunta que aumente o prazo para analizar a súa proposta sobre o transporte público entre Ferrol e Coruña

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que o goberno local e os grupos municipais da oposición estudarán de forma conxunta a proposta do goberno autonómico na próxima comisión da área que terá lugar o próximo mércores


O Concello solicita á Xunta que aumente o prazo para analizar a súa proposta sobre o transporte público entre Ferrol e Coruña

O Concello de Ferrol vén de solicitar á dirección xeral de Mobilidade da Xunta que aumente o período para presentar achegas á proposta que presentou en relación ao servizo de transporte público en autobús entre Ferrol e Coruña, un documento que chegou por rexistro ao Concello o pasado 30 de decembro dando de prazo para a análise da documentación e realizar as propostas oportunas ata o 3 de xaneiro, tendo polo tanto unicamente un día hábil para propoñer ditas achegas, tal e como explicou esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina. O pasado mércores a concellería de Mobilidade emitiu un escrito dirixido á dirección xeral no que se solicitaba dito aumento de prazo “co fin de mellorar entre todos a proposta da Xunta”. O voceiro anunciou que o goberno local e os grupos municipais estudarán de forma conxunta o documento presentado polo goberno autonómico na próxima comisión de área, que terá lugar o próximo mércores, 12 de xaneiro. Ademais, a finais de semana abordarase con representantes da plataforma de usuarios en defensa polo transporte. 


Reina explicou que a pasada semana mantivo unha xuntanza de traballo con representantes desta plataforma para “escoitar as súas inquedanzas”. No encontro “manifestaron que un dos servizos suprimidos, o de Ferrol-A Coruña directo das 6.30 da mañá, é un dos prioritarios para restituír debido a que daba servizo principalmente a traballadores tanto do sector público como privado con residencia na nosa comarca”. Para analizar este e outros asuntos “queremos abordar detidamente xunto co resto de grupos políticos desta corporación municipal a proposta da Xunta”. Neste punto Reina lembrou “o compromiso” do Concello de Ferrol pola defensa do uso do transporte público como alternativa ao transporte particular. 

Por outro lado, o voceiro informou que na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobouse o proxecto técnico da obra para aglomerar tramos no camiño das Cruces, camiño do Carril e camiño da Camposa, todos na parroquia de Brión. Trátase dunha intervención froito das conversas entre o goberno local e o BNG no marco dos orzamentos municipais. Conta cunha lonxitude de 750 metros dividido en varios tramos de distintos anchos. O que pretende o goberno local “é adecuar e mellorar o firme e a sinalización do camiño así como as confluencias cos viarios adxacentes”, explicou Reina. Trátanse, dixo, “de tramos nos que ademais hai numerosas vivendas, polo que se mellorará o acceso dos veciños da zona”. Esta actuación conta cun prazo de execución dun mes.

Remata o prazo para presentar propostas para varias actuacións 
Reina tamén anunciou que hoxe remata o prazo para presentar ofertas para executar proxectos “de gran calado para a cidade”, como o parque de Fontelonga, en Caranza, as reparacións no mercado municipal da Magdalena e o aglomerado na estrada ValónBrión. Mañá rematará o prazo de licitación para arranxar as rúas Carmen, Lugo e a praza do Callao, no barrio da Magdalena. Nestes dous últimos espazos substituirase o pavimento actual por formigón. Esto supón “que nun corto espazo de tempo imos ter adxudicadas varias obras importantes para a cidade, obras que estamos seguros visibilizarán o cambio que estamos a promover en Ferrol”.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar