Novas

martes, 11 de xaneiro de 2022

O Concello abre o prazo de inscrición para un novo módulo da Escola Municipal de Familias

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que nesta ocasión se abordará a importancia da sexualidade na xuventude. A edil lembrou que as sesións se celebrarán os días 9, 16 e 23 de febreiro e estarán dirixidas a pais e nais de menores de primaria e secundaria da cidade


O Concello de Ferrol vén de abrir o prazo de inscrición para participar nun novo módulo da Escola Municipal de Familias, unha iniciativa posta en marcha pola concellería de Benestar Social co fin de crear un espazo de debate entre as familias e profesionais na materia. 


A concelleira da área, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que este novo bloque abordará a importancia da sexualidade na xuventude. Estará dirixido a pais e nais de alumnos de primaria e secundaria e celebrarase os días 9, 16 e 23 de febreiro, de 17 a 18.30 horas, no salón de actos do Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35). O acceso es de balde e os interesados poden inscribirse ata o 4 de febreiro a través do correo afaferrol@accionfamiliar.org co nome e apelidos, número de fillos, a súa idade, un teléfono de contacto e un correo electrónico. 

O segundo bloque deste curso escolar desenvolverase en colaboración coa asociación Acción Familiar Ferrol. Ao longo das tres sesións abordarase a importancia da sexualidade na xuventude, as prácticas, riscos e mitos neste terreo e, por último, a afectividade e as relacións de parella máis habituais na poboación nova. 

No primeiro trimestre do presente curso escolar o Concello de Ferrol celebrou un módulo dedicado ás condutas aditivas na xuventude. Pola súa banda, no terceiro trimestre do curso terá lugar outro dedicado á educación na diversidade. Martínez Montero informou que desde o Concello se enviou un escrito tanto aos centros escolares da cidade como ás anpas para que a convocatoria deste novo módulo chegue ao maior número de familias.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar