Novas

mércores, 12 de xaneiro de 2022

O Concello solicitará á Xunta que se restablezan ao menos os horarios de autobús entre Ferrol e Coruña anteriores á actual concesión

O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Julián Reina, abordou co resto de grupos municipais durante a comisión de área celebrada esta mañá o impacto que está a ter as actuais frecuencias nos usuarios e as súas necesidades. O edil insistiu en que “o transporte por estrada debe abordarse como un servizo ao cidadán que debemos potenciar entre todas as administracións e non como un gasto a minimizar”


O Concello solicitará á Xunta que se restablezan ao menos os horarios de autobús entre Ferrol e Coruña anteriores á actual concesión

O Concello de Ferrol vai solicitar á Xunta que restitúa ao menos os horarios dos autobuses entre Ferrol e Coruña anteriores ao cambio de concesión e a partir de aí “seguir avanzando na mellorar da prestación do servizo”, tal e como indicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Julián Reina, tras abordar xunto co resto de grupos municipais na comisión de área de hoxe o impacto que está a ter nos usuarios as novas frecuencias do transporte en autobús entre ambas cidades. 


O edil explicou que o Concello tamén vai solicitar á Administración autonómica unha análise conxunto das necesidades dos afectados polos cambios xerados tras o cambio de concesión e que se aborde o transporte público por estrada como un “servizo ao cidadán que debemos potenciar entre todas administracións e non como un gasto a minimizar”. 

Tras a comisión, o concelleiro responsable de Mobilidade anunciou que mañá mesmo, xoves, ás 18 horas, participará nun encontro no Antigo Hospicio cos representantes da plataforma de afectados polo transporte en autobús para “seguir avanzando na busca dunha solución co fin de lograr un servizo de calidade que de resposta ás actuais necesidades dos usuarios”. 

Directos ás medias horas para traballadores e estudantes 
A proposta do goberno local, insistiu, é que se “restitúan ao menos os horarios da anterior concesión, que non xeraban problemas, e ir mellorando a prestación”. Son moitos, dixo, “os ferroláns que viaxan a diario entre ambas cidades por motivos de traballo o por estudios e non vaimos a deixar de reclamar un bo servizo”. Neste punto explicou que a fórmula de establecer traxectos directos (de aproximadamente 50 minutos) entre Ferrol e Coruña ás medias horas é “unha moi boa opción que funcionaba”. 

Bando para informar sobre o prazo para presentar o IAE 
Reina tamén deu conta na comisión celebrada esta mañá da emisión dun bando para anunciar que as persoas propietarias de edificios catalogados de uso residencial de vivenda colectiva cunha antigüidade de máis de 50 anos do municipio de Ferrol na data de entrada en vigor (20 de maio de 2021) do Decreto 61/2021 da Xunta de Galicia do 8 de abril —polo que se regula o informe de avaliación dos edificios, se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios e se establece a obriga de presentar ante o concello correspondente os informes de avaliación dos edificios (IAE)— deben polo tanto cumprir coa súa obriga de presentar o IAE no Concello de Ferrol antes do 20 de maio deste ano. 

O edil lembrou que deberán presentar o IAE todos os edificios de vivenda colectiva de máis de 50 anos de antigüidade comprendidos dentro dos límites dos barrios históricos —A Magdalena, Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e Recimil— e os situados fóra deses límites que conten con algún grao de protección ben con carácter individual ou por estar incluídos nalgún ámbito de protección do patrimonio cultural. O incumprimento do deber de presentar o IAE en tempo e forma é unha infracción leve, estando prevista unha sanción de 300 a 6.000 euros. Nos próximos días poderase consultar o bando na páxina web do Concello.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar