Novas

mércores, 12 de xaneiro de 2022

O número de efectivos da Agrupación de Protección Civil de Ferrol aumentou un 70 % desde o ano 2019

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, presentou esta mañá xunto ao xefe da asociación, Alejandro Santiago, o balance da actividade de 2021. Destacou que o 76 % das intervencións foron nos ámbitos sanitarios e de servizos sociais e resaltou operativos como o servizo de acompañamento para poñer a vacina ás persoas que o necesitaban, o reparto de comida quente e mantas nos días de moito frío ou o apoio prestado aos servizos de emerxencia da illa da Palma


O número de efectivos da Agrupación de Protección Civil de Ferrol aumentou un 70 % desde o ano 2019

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, acompañado polo xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, Alejandro Santiago, presentou esta mañá a memoria do traballo desenvolvido pola AVPC ao longo do pasado ano 2021. O edil destacou tanto o incremento no número de efectivos desde comenzos da lexislatura, no ano 2019, ao pasar dos 54 aos 91 actuais, como o aumento na calidade do servizo “pola súa alta especialización no eido sanitario”. De xeito, dos 964 operativos específicos desenvolvidos ao longo do pasado ano, o 76 % foron no ámbito sanitario e social: 370 foron exclusivamente apoios ao servizo 061 e entre os 594 restantes atópanse intervencións ante situacións de risco previsible incluíndo os realizados no terreo dos servizos sociais, como compras na farmacia e supermercado a persoas que no podían acudir.


Os 964 operativos desenvolvidos o pasado ano supuxeron polo tanto un total de 16.208 horas de traballo, ás que se suman outras 8.760 horas de garda os 365 días do ano. En total, preto de 25.000 horas “para prestar un servizo exemplar e excepcional por parte da mellor agrupación de Protección Civil”, apuntou o concelleiro. Entre as accións ordinarias desenvolvidas nas xornadas de garda atópanse iniciativas como os preto dun millar de servizos de acompañamento ás persoas que o necesitaban para poñer a vacina, incluíndo os traslados en ambulancia desde os seus fogares e regreso. Tamén a campaña de distribución de alimentos quentes e mantas que se activou no mes se xaneiro ante as baixas temperaturas, a de recollida de medusas nas praias (xaneiro), colaboracións coa recollida de xoguetes (decembro), apoio a outros concellos na organización de eventos, as festas de verán (agosto), apoio na conmemoración do Día do Corazón (setembro) —no que se despregou o hospital de campaña para ensinar a técnica RCP á poboación— ou a recollida de alimentos, produtos de hixiene e mantas para os veciños da illa da Palma por mor da erupción do volcán Cumbre Vieja. De feito, Costoya lembrou esta mañá que Ferrol foi a cidade elixida por parte dos voluntarios da agrupación de Los Llanos de Aridane para celebrar o acto de agradecemento polo material de primeira necesidade recibido tanto da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Ferrol como de outras agrupacións galegas. Acudiron a aquel acto membros das proteccións civís de Ferrol, Los Llanos de Aridane, Bergondo, Miño, Pontedeume, Muxía, Carballo, Boqueixón, Mugardos, Boimorto e Salceda de Caselas.

Un “inxente” traballo desenvolvido por persoal especializado 
O concelleiro agradeceu o “inxente traballo de todos e cada un dos efectivos de Protección Civil”, entre os que hai persoal diplomado en Medicina, Enfermería e Psicoloxía, entre outras especialidades, que de forma continua reciben formación en ámbitos como a busca de persoas desaparecidas, en prevención e loita cotra a vespa velutina, en organización de eventos multitudinarios, en regulación do tráfico, actuacións iniciais en casos de violencia de xénero, incendios urbanos e forestais, busca de persoas no medio rural con equipos caninos, en uso do Desa e soporte vital básico, en primeiros auxilios e incluso en inglés básico para mellorar a atención aos turistas.  

Agradecemento pola adquisición de material e apoio 
Pola súa banda, o xefe da agrupación, Alejandro Santiago, agradeceu ao Concello de Ferrol “o seu permanente apoio e adquisición de material” nos últimos meses. A Administración local dotou á agrupación dun hospital de campaña, un centro de mando avanzado, un remolque para operacións de loxística e varias bicicletas sanitarizadas, todo para “seguir mellorando a coordinación e xestión de situacións de emerxencia”, apuntou. Santiago quixo destacar o aumento no número de mulleres na agrupación. Na actualidade, superan o 50 % no mando operativo e o rozan no total dos membros, “unha realidade que nos fai sentir moi orgullosos”, dixo. 






 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar