Novas

xoves, 13 de xaneiro de 2022

O Concello e a sala Dúplex inician a próxima semana dous ciclos de cine de balde, un de 25 proxeccións da directora francesa Agnès Varda e outro de dez películas infantís

O primeiro comezará o día 19 de xaneiro e estenderase ata o 20 de decembro e o dirixido a nenos proxectará a primeira sesión o domingo 23 deste mes e durará ata o 29 maio


O Concello e a sala Dúplex inician a próxima semana dous ciclos de cine de balde, un de 25 proxeccións da directora francesa Agnès Varda e outro de dez películas infantís

O Concello de Ferrol e o Cine Dúplex inician a próxima semana dous ciclos de cine de balde, ‘Retrospectiva Agnès Varda’, desde o 19 de xaneiro ata o 20 de decembro, e ‘Petís Dúplex’, desde este domingo, 23 de xaneiro, ata o 29 de maio. 


O primeiro inclúe un total de 25 sesións, cada martes (a excepción da primeira, que se proxecta un mércores), ás 20 horas. As entradas poderanse retirar no despacho de billetes do Cine Dúplex ( Travesía Moreno, 3) desde os venres previos a cada sesión. Trátase dun ciclo que recolle unha “nutrida colección de películas da directora francesa, unha das máis destacadas do cine francés”, tal e como apuntou o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe. Agnès Varda foi precursora da ‘Nouvelle Vague’ —o movemento artístico xurdido en Francia a mediados do século XX que pretendía romper coa maneira convencional de facer cine— deixou a súa pegada en varios realizadores deste movemento e resultou unha referencia no terreo do feminismo, con centos de cineastas que recoñecen a súa enorme influencia. Formada como fotógrafa e cunha predilección por temáticas sociais, esa actitude de atenta mirada acompañouna toda a súa carreira, movéndose entre a ficción e o documental con folgura. Cun estilo que non rexeita por momentos técnicas experimentais, destaca nela a súa proximidade co espectador. A súa obra caracterízase polo seu humanismo e un gran respecto por quen retrata. 

Un ciclo “especialmente orixinal” pola súa extensión 
Este novo ciclo inclúe varias sesión de curtas e os títulos Os espigadores e a espigadora, La Pointe Courte, Cléo de 5 a 7, A felicidade, As criaturas, Lion's Love, Daguerréotypes, Documenteur, Mur, murs, Sen teito nin lei, Jane B. por Agnès V., Kung-Fu Master, Jacquot de Nantes, Les demoiselles ont eu 25 ans, O mundo de Jacques Demy, As cen e unha noites, Os espigadores e a espigadora... dous anos despois, As praias de Agnès, Caras e lugares e Varda por Agnès. Trátase dun ciclo “especialmente orixinal en Ferrol” pola súa extensión, dixo o edil, posto que dura ata finais de ano. 

O Concello de Ferrol e o Cine Dúplex tamén abrirán a finais da próxima semana outro ciclo de balde, neste caso dirixido ao público infantil. ‘Petís Dúplex’ inclúe un total de dez proxeccións para os domingos ás 12 horas. As entradas poderanse retirar no despacho de billetes da sala antes de cada sesión. Os títulos son Ratos e raposos. Unha amizade doutro mundo, Mironins, Lotte Reiniger: As aventuras do príncipe Ahmed, A fada das estacións, Lotte Reiniger: Contos e fábulas, A estrela dos simios, Lotte Reiniger: música e encantamentos, A rata pirata, O Dr. Dolittle e os seus animais e O segredo do libro de Kells.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar