Novas

xoves, 13 de xaneiro de 2022

O Concello repara esta semana beirarrúas nas rúas Cuntis e Miguel de Cervantes e inicia aglomerados en Doniños e Confurco

A concelleira de Obras, Servizos, Medio Ambiente e Zona Rural, Ana Lamas, anunciou esta mañá tras visitar os traballos que ao longo deste mes renovarase o aglomerado na rúa Rochel e acometeranse reparacións na rúa San Francisco e aglomerados en San Jorge, Serantes e Covas


O Concello repara esta semana beirarrúas nas rúas Cuntis e Miguel de Cervantes e inicia aglomerados en Doniños e Confurco

O Concello de Ferrol, a través do servizo municipal de mantemento de infraestruturas viarias, continúa cos traballos de reparación con actuacións esta mesma semana nas rúas Cuntis e Miguel de Cervantes, próximas á praza de España. Esta mañá a concelleira de Obras, Servizos, Medio Ambiente e Zona Rural, Ana Lamas, visitou acompañada por responsables da empresa os traballos de reparación que se están a levar a cabo nas beirarrúas destas vías. 


A edil anunciou que actualmente tamén se están a executar actuacións na zona rural, onde se está a preparar os aglomerados dos camiños Trasouteiro, en Doniños e próximo ao lago, e no de Fontela-Confurco, ambos de acceso a vivendas. A concelleira explicou que son obras necesarias “para mellorar o estado actual dos camiños”. 

Ademais, detallou algunhas das actuacións de mantemento de viarios que se levarán a cabo ao longo do mes de xaneiro tanto na zona urbana como no rural. No primeiro caso renovarase o aglomerado na rúa Rochel e repararanse beirarrúas na estrada Alta do Porto. O Concello tamén acometerá reparacións no pavimento da rúa San Francisco, no barrio de Ferrol Vello, onde está prevista máis adiante unha importante intervención municipal de reurbanización cun orzamento que ronda os 887.000 euros (con impostos). Pola súa banda, na zona rural aglomerarase o Camiño do Bosque, en Serantes, para completar a intervención xa rematada no camiño da Fonte Sapa; outro camiño en Covas e o de Fontesana, en San Jorge. Todos eles, explicou Lamas, dan acceso a vivendas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar