Novas

venres, 14 de xaneiro de 2022

O Concello comezará a próxima semana as obras para o arranxo das deficiencias da urbanización Cidade Xardín

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes da empresa adxudicataria para perfilar as primeiras actuacións. Indicou que a intervención “vai pechar un problema histórico que levan soportando os nosos veciños desde hai máis de dez anos”


O Concello comezará a próxima semana as obras para o arranxo das deficiencias da urbanización Cidade Xardín

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes da empresa adxudicataria das obras para o arranxo das deficiencias da urbanización do Plan de sectorización Cidade Xardín co fin de coordinar o inicio dos traballos, que terá lugar a próxima semana. 


Durante o encontro perfiláronse os preparativos para o comezo das obras e as primeiras actuacións. Neste senso, Reina anunciou que a primeira intervención que se acometerá a próxima semana será a instalación dun tubo de saneamento nun dos viarios, polo que será necesario levantar o pavimento existente e proceder á excavación. A actuación conta cun orzamento de 695.207,56 euros (IVE incluído) e a duración prevista da obra é de sete meses. 

Trátase dunha intervención que “pechará un problema histórico que levan soportando os nosos veciños de Cidade Xardín desde hai máis de dez anos”, indicou Reina. O programa de necesidades inclúe a conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns na avenida, a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola Galatea ata a rúa Cruz de Arriba. 

O proxecto tamén recolle a execución da rasante da beirarrúa entre a estrada de Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e a colocación de salva bordos metálicos para facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de baldosas direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñeranse os bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza. 

O proxecto contempla o acondicionamento das glorietas na avenida do Vinculeiro, que incluirá a eliminación das malas herbas e a poda do arboradura, así como nova sinalización vertical e horizontal. Tamén se desenvolverán traballos de reparación na rede de abastecemento de auga no interior da urbanización, como a limpeza interior das arquetas de abastecemento e a substitución das tapas. Do mesmo xeito, levaranse a cabo todas as reparacións necesarias nas redes de saneamento e de pluviais. En canto á rexeneración de zonas verdes, levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar