Novas

venres, 14 de xaneiro de 2022

Representantes de once concellos da zona reclaman a recuperación das liñas e horarios do transporte anteriores ao cambio de concesión

O voceiro do goberno local de Ferrol e edil de Mobilidade, Julián Reina, participou hoxe nunha reunión celebrada en Pontedeume na que alcaldes e concelleiros acordaron esixirlle á Xunta que atenda ás demandas dos usuarios dos autobuses


Representantes de once concellos da zona reclaman a recuperación das liñas e horarios do transporte anteriores ao cambio de concesión

FERROL, 14 DE XANEIRO. Representantes de concellos de Eume e Ferrolterra, aos que se uniu o de Miño, reuníronse esta mañá en Pontedeume para falar da problemática do transporte público de viaxeiros por estrada e o escolar. No encontro, no que participou o voceiro do goberno local de Ferrol e concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, acordaron esixirlle á Xunta de Galicia “que recupere de forma urxente as liñas, horarios e frecuencias que tiña ata hai un ano” o servizo.
En concreto, na xuntanza participaron representantes de Ferrol, As Pontes, Miño, Pontedeume, Narón, Cabanas, Ares, Monfero, Fene, Neda e A Capela. Todos lamentaron “a actitude e o desleixo cara a nosa comarca por parte da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia nun tema tan importante como o transporte público por estrada”. Segundo indicaron, os problemas aos que se refiren comezaron en xaneiro do ano pasado, cando entrou en servizo o novo contrato e o cambio de empresa adxudicataria. “Recentemente realizouse unha auditoría, e é todo tan esperpéntico que o documento coas liñas enviado pola Xunta non coincidía co plan de traballo exposto pola empresa”, apuntaron para manifestar o seu apoio ás reivindicacións da plataforma de usuarios. “Son moitas deficiencias. A situación é lamentable e empeora cada mes. Continuaremos cun seguimento exhaustivo do problema, xa que o servizo a día de hoxe é totalmente insuficiente”, aseguraron.
Por último, lamentaron tamén que á situación dunha comarca “xa moi castigada” se sume agora “un novo problema” que comezou cun documento de contratación “que non se axustaba á realidade”, afirmaron. “É a Xunta a que ten que facer algo de forma inmediata porque é a que ten as competencias”, concluíron.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar