O Concello de Ferrol segue sumando iniciativas de
envellecemento activo para a poboación de maior idade da cidade co fin de mellorar o
seu benestar social e calidade de vida. Neste caso, a concelleira de Benestar Social, Eva
Martínez Montero, anunciou esta mañá que este mesmo mes comezará o programa
‘Ferrol Amodo’, unha nova iniciativa de balde dirixida a maiores de 65 anos que inclúe
un total de sete excursións e visitas guiadas de carácter cultural pola cidade que
“combinarán o envellecemento saudable, o enriquecemento cultural, a comunicación
entre iguais e a súa reactivación cognitiva e física”, indicou a edil. Cada excursión
ofrece 20 prazas a excepción dunha, con ata 50. Fretarase un autobús para desprazar aos
participantes aos enclaves que así o precisen e en todas as excursións obsequiarase con
material promocional da actividade.
O programa, que se trasladou esta mañá aos grupos municipais na comisión
informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico,
comezará o día 26 de marzo coa primeira saída, que percorrerá a partir das 11 horas a
Porta do Dique e os museos da Construción Naval e Exponav. O obxectivo é “achegar
aos veciños da cidade a estes dous recintos para algúns aínda descoñecidos e que en
moitos casos identifícanse como unha única sala de exposicións”. O prazo de inscrición
xa está aberto no número de teléfono 631 683 070, de 10 a 14h ou no correo electrónico
ferrolamodo@gmail.com.
A segunda terá lugar o día 9 de abril e sairá desde os soportais do teatro Jofre. A
partir dalgunhas das construcións máis representativas da obra de Rodolfo Ucha, os
visitantes poderán coñecer máis sobre o patrimonio modernista da cidade. O día 30 de
abril será a queda da saída ‘Esteiro na memoria’, que partirá desde a Capela das
Angustias. O obxectivo “é conectar aos participantes cos seus recordos acerca dun dos
barrios máis emblemáticos da cidade durante a segunda metade do século XX”.
En maio, aínda sen determinar o día, terá lugar a saída ‘O día Historia do Racing,
un século de paixón verde’, para incidir en que “a memoria dunha cidade constrúese
tamén á sombra das súas xestas deportivas e os cen anos de historia do Racing de Ferrol
é un pretexto ideal para achegar aos nosos maiores a esa parte do noso pasado”. Para iso
“contaremos co historiador do Racing Jorge Deza, que exercerá de guía nun roteiro por
algúns enclaves da cidade vinculados estreitamente co club para repasar os pormenores
deste século de vida”, apuntou Martínez Montero.
O 28 de maio, coa excursión ‘Ferrol Vello: barrio mariñeiro, barrio industrial’,
reconstruirase unha parte importante da historia da cidade desde o Porto de Curuxeiras e
o roteiro do 11 de xuño, pola ría, dará a coñecer a súa fachada marítima, precisamente,
desde o mar. Por iso os participantes “realizarán un pequeno cruceiro en lancha para
apreciar toda a beleza da ría e coñecer desde outra perspectiva os arsenais militares, o
porto de Mugardos, os Castelos da Palma e San Felipe, o porto exterior ou a base naval
da Graña”. O roteiro marítimo ten unha duración de case dúas horas e inclúe unha
parada nun destes emprazamentos. De forma excepcional, esta excursión pódese abrir a un número maior de participantes que o resto, podendo chegar a medio cento de
usuarios.
Por último, o 18 de xuño terá lugar unha excursión ao Castelo de San Felipe, un
dos emblemas da cidade naval. Resulta un destino “obrigatorio das nosas visitas
turísticas co propósito de que os nosos maiores se reencontren con esta edificación
comprobando de primeira man o resultado das actuacións de recuperación da contorna
desenvolvidas polo Concello nos últimos anos e, sobre todo, redescubriendo a praza
militar grazas ás indicacións da guía”. Os participantes serán trasladados ata o Castelo
en autobús e a visita terá unha duración de 90 minutos, ao que hai que engadir os
traslados.
As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e todas as excursións
contarán coa presenza dun guía titulado e unha persoa da organización que poida
xestionar calquera incidencia. Fretarase un autobús para desprazar aos participantes aos
enclaves que así o precisen.