Novas

xoves, 12 de maio de 2022

Aberto o prazo de inscrición para a Carreira Solidaria pola Seguridade Viaria do Concello de Ferrol do día 21

Trátase dunha das actividades da I Semana da Seguridade Viaria de Ferrol, que terá lugar entre o 16 e 22 de maio


Aberto o prazo de inscrición para a Carreira Solidaria pola Seguridade Viaria do Concello de Ferrol do día 21

O Concello de Ferrol vai celebrar entre o 16 e 22 de maio a I Semana da Seguridade Viaria de Ferrol cun nutrido programa de actividades. Unha delas e de maior impacto será a Carreira Solidaria pola Seguridade Viaria de Ferrol, que terá lugar o sábado 21, entre as 18 e as 21 horas. O diñeiro que se reúna a través das inscricións —5 euros para adultos, nenos de balde— destinarase integramente ás ong Stop Accidentes e Aesleme (Asociación para educar en seguridade viaria e evitar lesións por mobilidade en España). 


O prazo de inscrición xa está aberto na web de Carreiras Galegas, no enlace https://bit.ly/3N5FUQN, onde pódese consultar o regulamento da marcha https://bit.ly/3yuA0Vu. O percorrido para adultos será de 5 quilómetros e para nenos segundo a idade. Partirá e rematará desde a Praza de Armas e entre os tres primeiros clasificados, tanto na categoría feminino como masculino, sortearase un paquete de experiencias que inclúe unha noite de hotel en Ferrol para dúas persoas en réxime de aloxamento e almorzo, menú degustación nun restaurante da cidade elixido polo gañador, un lote de exquisitos produtos locais e entradas a museos. No caso dos nenos, todos recibirán unha medalla. O edil de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, animou á poboación a participar na carreira, que se poderá desenvolver tanto camiñando como correndo, e indicou que estará coordinada pola Delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo. O obxectivo, dixo, é concienciar a través desta carreira solidaria “das nefastas consecuencias que ten un accidente de tráfico”. Todos os participantes obterán tamén unha camiseta. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar