Novas

xoves, 12 de maio de 2022

O Concello consolida o Congreso ‘Ferrol, destino Patrimonio Mundial’ coa súa segunda edición, o próximo xoves no Teatro Jofre

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá o evento, que reunirá en Ferrol a expertos na candidatura. Sen dúbida, dixo, “un dos avances máis importantes é o labor desenvolvido desde o Concello para dar a coñecer a candidatura”. A entrada será de balde e sen necesidade de retirar entrada


O Concello consolida o Congreso ‘Ferrol, destino Patrimonio Mundial’ coa súa segunda edición, o próximo xoves no Teatro Jofre

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá a segunda edición do Congreso ‘Ferrol, destino Patrimonio Mundial’, un evento que terá lugar no Teatro Jofre o próximo xoves, 19 de maio, a partir das 10.30 horas. As persoas interesadas poderán acudir de balde e sen necesidade de retirar entrada. Ademais poderá seguirse vía streaming. 


O alcalde, que estivo acompañado pola concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, apuntou que o Concello “dalle continuidade así a unha cita fundamental” para a candidatura ‘Ferrol, Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial, “non só polo que supón reunir na cidade a expertos e especialistas en Patrimonio Histórico que afondarán na nosa proposta, senón porque este Congreso enriquece o expediente mesmo da candidatura ao formar parte do seu Plan de Xestión, do labor que nos corresponde na divulgación do noso patrimonio”. 

O rexedor insistiu en que lograr o recoñecemento da Unesco é unha das liñas de traballo “máis ambiciosas deste goberno no que se refire ao Patrimonio” e lembrou que o goberno local avanzou moito neste tempo. “Lanzamos unha nova marca, tamén unha nova web con toda a información da candidatura, puxemos en marcha importantes accións de divulgación na rúa, reunimos xa preto de 5.000 adhesións e desenvolvemos importantes obras de recuperación no castelo de San Felipe, un dos bens mais emblemáticos da candidatura”.

Avances na divulgación 
Mato expresou a súa satisfacción polos éxitos en canto á divulgación da candidatura. Sen dúbida, dixo, “un dos avances máis importantes é o labor desenvolvido desde o Concello para dar a coñecer a nosa proposta”. Hai un ano “presentábamos a primeira edición deste Congreso nun momento no que había bastante descoñecemento sobre a candidatura. É moi satisfactorio poder dicir que o panorama é agora moi diferente”, apuntou. 

No Congreso intervirá Laura de Miguel, xefa do servizo de Patrimonio Mundial do Ministerio de Cultura e Deporte; José Antonio Martínez López, doutor en Historia na Universidade Católica de Murcia; Celia Martínez, doutora en Historia do Arte na Universidade de Granada; Carmen Perales, documentalista da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial; Iñaki Mendizábal, da Oficina de Rehabilitación do Concello de Ferrol; María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio; e a concelleira de Patrimonio Histórico. Ademais participarán Juan Anca, que dará conta da nova web da candidatura; Cristina Saavedra, que abordará a nova marca; e o arquitecto Ramón Montero, que falará sobre as actuacións de rehabilitación acometidas no castelo de San Felipe. 

Pola súa banda, Martínez Montero indicou que o lema do Congreso, ‘Ferrol, Destino Patrimonio mundial, representa a idea que “queremos poñer en valor da nosa candidatura” e “que pode traer a Ferrol moitas alegrías, tanto no eido cultural como mesmo no económico”. Lembrou que o programa da cita é “moi completo e de alto nivel, con presencia de representantes destacados”, e invitou á cidadanía a participar. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar