Novas

mércores, 01 de xuño de 2022

O Concello e Asotrame instalan unha exposición no paseo de Caranza con motivo do Día do Doante de Órganos e Tecidos

A mostra estenderase durante 15 días e esta formada por oito balizas con información sobre a doazón de medula ósea e os seus protagonistas co fin de concienciar á cidadanía ferrolá sobre a importancia deste proceso. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, asistiu ao acto acompañada pola presidenta de Asotrame, Cristina Piñeiro, e mostrou a súa satisfacción por colaborar no evento “cunha das entidades que máis medrou nos últimos anos”


O Concello e Asotrame instalan unha exposición no paseo de Caranza con motivo do Día do Doante de Órganos e Tecidos

O Concello de Ferrol e a Asociación Galega de Persoas Afectadas por Transplantes de Medula Ósea e Enfermidades Oncohemtolóxicas (Asotrame) inauguraron esta mañá unha exposición no paseo marítimo de Caranza con motivo do Día do Doante de Órganos e Tecidos. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, asistiu ao acto acompañada pola presidenta de Asotrame, Cristina Piñeiro, e lembrou que a mostra se estenderá durante 15 días. Trátase dun percorrido de oito balizas informativas a través das cales a cidadanía terá oportunidade de coñecer todo o relacionado co proceso de doazón de medula ósea e aos seus protagonistas. 


Martínez Montero destacou que esta é “a primeira vez no que vai de mandato que dende o Concello podemos conmemorar esta data, porque tamén é a primeira vez que estamos nunha situación de relativa normalidade”. A edil valorou a colaboración entre a súa concellería e as diferentes entidades sociais da cidade. “Neste caso, esa colaboración é cunha das que máis está a medrar nos últimos anos”, dixo sobre Asotrame, que o ano pasado foi merecedora do Premio Solidario do Concello. A concelleira estivo acompañada pola presidenta da entidade, Cristina Piñeiro. 

Percorrido e “playlist”
O punto de inicio da exposición esta marcado cun cartel que da paso aos primeiros tótems, cos que se da a coñecer a traxectoria de Asotrame. Os seguintes dan resposta a preguntas frecuentes sobre a doazón de medula, como poder ser se se trata dun proceso doloroso, se se pode considerar unha intervención cirúrxica, a que idade se pode ser doante, se o procedemento ten algún tipo de secuela e, especialmente, como repercute o transplante na vida das persoas receptoras. Finalmente, as últimas balizas invitan a coñecer o testemuño dunha persoa que sobreviviu a un cancro. Toda esa información pode ser ampliada a través dun código QR que serve de ligazón á web ou ao perfil da asociación en Instagram. 

A mostra complétase cunha playlist elaborada por doentes e expacientes, na que se recompilan as cancións que foron máis significativas para eles durante os seus ingresos hospitalarios e a súa enfermidade, de modo que os visitantes poidan facer o percorrido acompañados por esta música. No último tótem, como remate do percorrido, pode deixarse unha reflexión sobre a exposición. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar