O Concello de Ferrol vai celebrar o próximo mércores, 8 de
xuño, a sesión informativa ‘Caracterización da práctica de exercicio físico e deporte
polos habitantes da cidade de Ferrol’ que terá lugar de 19 a 20.30 horas na capela do
centro cultural Torrente Ballester. Trátase dun evento aberto a todas as persoas
interesadas en coñecer como vai desenvolverse esta folla de ruta para mellorar a
práctica deportiva entre a poboación de Ferrol, especialmente representantes das
entidades deportivas da cidade. Poden realizarse xa as inscricións no enlace
https://bit.ly/3GHkbg4.
A xornada, conducida por Cristina Muñiz como coordinadora da área de Deporte
no Concello de Ferrol, estará presidida por Antonio Golpe, concelleiro de Deportes, que
contextualizará e explicará a necesidade da posta en marcha deste proxecto. Ademais
contarase coa participación de Juan Manuel Murúa, consultor, investigador e formador
especializado en cidade, economía e deporte, que ofrecerá unha exposición enmarcada
no deporte e na construción de cidades activas. Finalmente, Jacobo Suárez, experto en deporte, explicará como se levará a cabo este proceso de caracterización a través da
participación cidadá, informando sobre os seus obxectivos e pasos a dar na súa
elaboración. A xornada rematará cunha quenda de participacións libres.
Despois desta sesión informativa comezarase a desenvolver o proceso de
caracterización da práctica de exercicio no municipio, abrindo canais de comunicación e
participación para que todas as persoas interesadas poidan achegar as súas suxestións ao
mesmo. Para máis información sobre o proceso pódese contactar coas persoas
responsables a través do correo electrónico
plandeporte@ferrol.es.
Importancia da caracterización da práctica deportiva en Ferrol
O deporte “ocupa un espazo transversal na vida das persoas” nas cidades, explicou o
edil, polo que “debe ser tido en conta no desenvolvemento integral do territorio, tanto
dende o eido do benestar e da saúde, da calidade de vida e do atractivo turístico, como a
nivel de oportunidades de emprego ou ordenación de espazos e modelo urbano”. A
incorporación do deporte á rutina das persoas é un “elemento principal para acadar unha
vida mais activa, con maior saúde e autonomía persoal, gozando dun maior benestar e
calidade de vida, desde a infancia ata a vellez”, apuntou Golpe. Ademais, “axuda a
previr e tratar enfermidades non transmisibles como cardiopatías, accidentes
cerebrovasculares, diabetes e cancro de mama e de colon, e tamén incide na prevención
da hipertensión e obesidade, así como na mellora da saúde mental”. O deporte é tamén
“unha das mellores ferramentas socializadoras nas diferentes etapas da vida das
persoas”. Por esta razón, o Concello de Ferrol elabora a caracterización da práctica de
exercicio físico e deporte na cidade, peza fundamental da folla de ruta que terá a
finalidade de impulsar o acceso universal á práctica do deporte como forma de
promover un estilo de vida saudable para a poboación de Ferrol.
Este proxecto de futuro “será sólido e consistente se se fai a través dun proceso
participativo”, indicou o concelleiro, polo que “é imprescindible contar coa
colaboración da cidadanía, tanto da poboación xeral como de colectivos ou entidades
específicas do mundo do deporte local”.