xoves, 02 de xuño de 2022
A concelleira de Patrimonio Histórico reclámalle á Xunta a conservación dos restos arqueolóxicos da rúa do Castro dun xeito que sexan visitables no futuro
Eva Martínez Montero considera que o IGVS debe atender a recomendación dos técnicos de escavar toda a parte posterior do soar onde se fixeron as catas e conservar o que os primeiros indicios apuntan a que é un tramo da muralla medieval da cidade, de xeito que no futuro poida ser visitado
A concelleira Eva Martínez Montero trasladou esta mañá á Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico a súa intención de reclamarlle á Xunta que conserve os restos arqueolóxicos aparecidos nun solar da rúa do Castro onde o IGVS proxecta levantar un edificio de vivendas. “A Consellería de Vivenda di hoxe na prensa que Patrimonio terá que valorar a excavación en profundidade que propón o informe arqueolóxico encargado polo IGVS, pero dende o Concello non contemplamos outra opción que a de conservar e poñer en valor a construción atopada nas catas”, explicou a edil tras a reunión, e incidiu en que, á vista dese documento, “parece que cada vez toma máis corpo a teoría de que a construción atopada polos arqueólogos é parte da muralla medieval da cidade”.