Novas

xoves, 02 de xuño de 2022

O goberno levará a pleno un convenio entre Concello e Universidade para crear unha Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial

A iniciativa contempla unha escola de arqueoloxía en Ferrol, o estudo e conservación do patrimonio arqueolóxico e a promoción de actividades no ámbito educativo


O goberno municipal vai levar a pleno un convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña para a creación dunha Cátedra Institucional de Arqueoloxía e Educación Patrimonial. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, trasladou esta mañá aos grupos municipais en comisión informativa os detalles do acordo, que unha vez aprobado en pleno rubricarán o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o o reitor da Universidade, Julio Ernesto Abalde. 


A concelleira explicou que o convenio terá inicialmente unha duración de catro anos e unha dotación anual de 24.000 euros. O obxectivo é regular a colaboración entre a Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol de cara a “fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral” mediante a creación dunha Cátedra Institucional de Arqueoloxía e Educación Patrimonial Concello de Ferrol-Universidade da Coruña. Os obxectivos do novo órgano, explicou, serán a creación e xestión dunha escola de arqueoloxía en Ferrol; o estudo, conservación, difusión e posta en valor do patrimonio arqueolóxico en xeral e da cidade en particular; e a organización de actividades e actuacións no ámbito da educación patrimonial en Ferrol. 

O propósito das dúas entidades é realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para ambas. En primeiro lugar, no campo da formación e divulgación, coa colaboración en mestrados e outros estudos de posgrao, tanto oficiais como propios; co deseño e a impartición de programas de formación permanente; o patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais; a convocatoria de premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas; conferencias, seminarios e obradoiros; accións para promover prácticas curriculares e extracurriculares; visitas a empresas; ou a organización de exposicións e promoción de actividades culturais, entre outras. 

No ámbito da investigación, contémplase desenvolver liñas de investigación conxunta; cooperar para lograr proxectos de investigación no ámbito galego, español e europeo; apoiar teses de doutoramento, traballos de fin de mestrado e traballos de fin de grao; traballos de investigación; ou celebrar encontros e redes nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da Cátedra. Tamén promover a contratación de grupos da Universidade da Coruña para desenvolver accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar