Novas

mércores, 01 de xuño de 2022

O Concello celebrará esta fin de semana o Día do Medio Ambiente con obradoiros para toda a familia, un curso especializado e ‘Os Perrrecicladores’

As persoas interesadas en participar na formación, o venres ás 16.30 horas na Aula de Ecoloxía Urbana, poden anotarse chamando ao número de teléfono 981 944 160


O Concello celebrará esta fin de semana o Día do Medio Ambiente con obradoiros para toda a familia, un curso especializado e ‘Os Perrrecicladores’

O Concello de Ferrol vai conmemorar esta fin de semana o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) cunha serie de actividades de balde dirixidas a toda a familia co fin de poñer en valor a importancia de coidar e respectar a nosa contorna, tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas. 


O venres día 3, ás 16.30 horas, desenvolverase un curso sobre Medio Ambiente e especies autóctonas na Aula de Ecoloxía Urbana (Cantón de Molíns) a cargo do graduado en Paisaxe Álvaro Alfaro. O Concello ofrece 25 prazas de balde e as persoas interesadas xa poden anotarse chamando ao número de teléfono 981 944 160. 

O sábado día 4, de 11.30 a 13 horas, as mascotas ‘Os Perrecicladores’ estarán no centro da cidade para continuar coa súa labor de concienciación á poboación. Pel, Tico e Idro mostrarán pola rúa a importancia de reducir, reciclar e reutilizar. 

Pola súa banda, o domingo, de 11 a 14 horas, desenvolveranse no Cantón de Molíns tres obradoiros de xeito continuado para os que non é necesaria previa inscrición. Un será para elaborar maceteiros de papel e plantación dunha semente para levar a casa, outro para construír comedeiros para aves e un terceiro para facer unha pequena cociña solar. Tamén se desenvolverán varios paseos interpretativos polo Cantón con expertos en medioambiente para observar aves, plantas e insectos. Recoméndase acudir con prismáticos aínda que se prestará material.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar