A iniciativa de Nervión Naval Offshore para crear en Ferrol
unha planta de ensamblaxe de estruturas de eólica mariña seralle presentada
formalmente o vindeiro luns ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo nunha
reunión que manterán o alcalde ferrolán, Ángel Mato; o vicepresidente de Nervión e
responsable máximo da división industrial do Grupo Amper, Alfonso Sánchez, e o
director xeral de Nervión Naval Offshore, Roberto Bouzas, co secretario xeral de
Industria e da PEME, Raúl Blanco.
O rexedor explicou hoxe durante a presentación do proxecto no porto exterior,
onde se prevén situar as instalacións, que se trata dun proxecto “estratéxico para a
cidade e a súa comarca”, motivo polo que vai seguir traballando para que teña todo o
apoio do Goberno de España. Esta proposta chega da man dunha empresa con ampla
experiencia e tradición tanto como auxiliar do naval como no desenvolvemento de
estruturas eólicas mariñas. “Dende o momento no que me presentou esta posibilidade,
tratei de prestar todo o apoio a este proxecto, que no seu momento xa lle trasladamos ao
Instituto de Transición Xusta”, explicou Mato, para quen debe haber “unha aposta
clara” por parte de todas as Administracións polo desenvolvemento da eólica mariña.
Segundo o alcalde, o Goberno é “moi consciente” da importancia do sector, xa
ten marcada a folla de ruta e, por iso, ademais do Perte de enerxías renovables e almacenamento, o Perte do naval tamén está enfocado, en parte, ao impulso da eólica
mariña. “E vou insistir unha vez máis en que Ferrol debe ser sede dun hub non só
industrial, senón tamén de innovación e desenvolvemento da eólica mariña, porque esta
cidade ten o ecosistema axeitado para albergalo”, dixo.
Está previsto que a eólica mariña experimente un crecemento exponencial nos
vindeiros anos. Só en Europa, prevense necesidades de ata 60 xigavatios no 2030 e de
ata 300 xigavatios a mediados de século. Por iso “debemos seguir mantendo a nosa
posición no desenvolvemento de aeroxeradores mariños con cimentación fixa e
aeroxeradores mariños sobre plataforma flotante”, afirmou. Para Ángel Mato, as
prioridades das políticas industriais deben ser “fixar emprego e talento, e para
conseguilo debemos diversificar, tal e como está fomentando o Goberno de España”.
Investimento de 25 millóns e creación de 300 postos de traballo
Sobre o proxecto en concreto, o rexedor destacou que Nervión tivo un papel importante
en varios dos parque que se implantaron en Europa nos últimos anos, como o de SaintBrieuc, traballando para Navantia. “Temos que aproveitar esa experiencia”, aseverou.
Na primeira fase do proxecto, o impacto laboral estímase nuns 300 postos de traballo,
que poderían medrar a medida que avance.
Mato lembrou que este proxecto “foi un dos primeiros que se presentaron aos
fondos de recuperación, en canto se coñeceu a intención de Nervión de seguir sendo un
referente na eólica mariña na comarca” e asegurou que a elección do porto exterior é
“óptima”, porque seguirá xerando actividade e emprego nun lugar no que a día de hoxe
existe moito espazo dispoñible. As instalacións ocuparán unha superficie de 74.000
metros cadrados e o investimento necesario ascende a 25 millóns de euros.
“Todas as Administracións deben ir da man para que se materialice”, concluíu
Ángel Mato.