O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá
que na sesión da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol de hoxe
avanzouse na contratación de dous importantes actuacións de rehabilitación no barrio de
Recimil, na Praza de España 23-25 e en Somozas 3-4. Ambas son actuacións
cofinanciables nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020.
Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol,
Cidade 2020’.
En primeiro lugar, a Mesa propuxo para adxudicación o proxecto básico e de
execución da rehabilitación dos inmobles 23-25 da Praza de España por un importe de
1.304.473,50 euros (con ive). O prazo de execución unha vez rubricada a acta de traza
de planta é de 6 meses.
O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo indicou que os traballos
consistirán “nunha rehabilitación coa que se van mellorar as condicións de
habitabilidade, estanqueidade e eficiencia enerxética das vivendas comprendidas nos
tres portais do edificio”. Entre outras actuacións, “contémplanse o cambio das cubertas,
a instalación de sistemas illantes e de impermeabilización nas fachadas, ademais da
substitución das carpinterías exteriores e dos portais”. Tamén se mellorará a
accesibilidade, colocaranse ventilacións, reconstruiranse chemineas, instalaranse
porteiros automáticos, colocaranse antenas colectivas para o sinal de televisión,
realizaranse novas acometidas ás vivendas, soterraranse os cables eléctricos que agora
están colocados de xeito aéreo, ao igual que se fará co tendido de telefonía, e intervirase
nas acometidas do abastecemento de gas, indicou Reina.
En canto aos baixos do inmoble, regularizaranse conforme ao seu aspecto orixinal
e unificaranse elementos como persianas, escaparates e marquesiñas. “Outro aspecto
importante da obra é que vai resolver diversos problemas estruturais e de humidades nos
balcóns das terrazas posteriores”, apuntou o voceiro do goberno local. Farase un reforzo
e peche destes elementos. Finalmente, repararanse os patios dos baixos situados na
fachada posterior.
Avances na contratación para rehabilitacións na rúa Somozas
O voceiro tamén informou dos avances na contratación doutra actuación en Recimil,
neste caso das obras de rehabilitación da envolvente do inmoble 3-4 da rúa Somozas,
para a que se presentaron tres empresas. No caso de cumprise os prazos está previsto
que a próxima semana a Mesa propoña a adxudicación do contrato das obras, que inclúe
o revestimento da fachada cun sistema illante e a substitución das carpinterías exteriores
por fiestras dunha soa folla de aluminio de apertura oscilo-batente, con rotura de ponte
térmica, vidro dobre con cámara e microaireadores.
Tamén se levará a cabo en Somozas o desmonte completo da cuberta e estrutura
actual para executar unha nova de madeira con illamento térmico, lámina
impermeabilizante e tella. Instalaranse canles e baixantes de zinc, marquesiñas sobre os
accesos aos portais, colocaranse ventilacións, habilitarase iluminación natural e artificial
do espazo baixo cuberta, soterraranse os cables aéreos de electricidade e telefonía e
intervirase nas acometidas de gas. Con esta actuación, explicou Reina, “preténdese
mellorar a eficiencia enerxética do edificio de vivendas e as súas condicións térmicas e
de estabilidade, dando solución á falta de illamento térmico en toda a envolvente do
edificio e ao mal estado da cuberta”.