Novas

luns, 06 de xuño de 2022

As obras de reurbanización da rúa Igrexa obrigan a pechar o tráfico rodado entre San Diego e Méndez Núñez a partir do mércores

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que a mediados desta semana comezarán os traballos de demolición de pavimentos


O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que as obras que o Concello de Ferrol está a levar a cabo na rúa Igrexa obrigan a pechar o tráfico rodado por esta vía no tramo entre San Diego e Méndez Núñez a partir das 8.00 horas deste mércores, 8 de maio. O tamén concelleiro de Urbanismo indicou que a partir de mediados desta semana comezarán os traballos de demolición de pavimentos. 


Con motivo do peche ao tráfico rodado colocarase sinalización informativa sobre os desvíos. O paso de autobuses desviarase pola rúa Irmandiños xa desde Ferrol Vello, non subirán pola Costa de Mella. Pola súa banda, os vehículos deberán circular pola rúa Magdalena ata San Diego, onde se poderá subir á rúa Real. Facilitarase na medida na que o permita o transcurso da obra o acceso aos garaxes privados do tramo pechado ao tráfico. 

Reina lembrou que o Concello de Ferrol destina á reurbanización desta rúa principal da cidade, ata a renovada Praza do Callao, máis de 4 millóns de euros. Inclúe traballos de pavimentación e a construción de zonas verdes, o que vai “revolucionar a imaxe e o concepto do barrio da Magdalena”. 

O proxecto inclúe oito quinteiros de edificios nas que se renovarán os pavimentos das beirarrúas e da calzada con materiais de calidade acordes á edificación actual para o barrio da Magdalena. Mentres, na contorna da concatedral de San Xiao manteranse as lousas históricas. Un dos aspectos máis vistosos do proxecto “é que servirá para realizar un gran aporte vexetal a un entorno, o da Magdalena, que carece del en boa medida”, indicou Reina. En total serán 130 as novas árbores que se plantarán, de dez especies diferentes, entre as que se atoparán, por exemplo, aceráceas, cerdeiras ou magnolios. Conservaranse os exemplares actuais e plantaranse os novos concentrados na súa maioría no lateral residencial. O criterio será dun tipo concreto de especie arbórea por cada un dos oito quinteiros residenciais incluídos no ámbito do proxecto, co que cada quinteiro cobrará individualidade dentro da trama xeral da Magdalena.

Dinamización da hostalería e comercio do barrio 
O proxecto contempla tamén a substitución e mellora da iluminación e o mobiliario urbano incluirá os elementos estritamente necesarios, como bancos, papeleiras e un sistema de iluminación dende o chan que complementará ao situado en altura. Esta obra, xunto á que xa comezou na rúa Pardo Baixo, e a recente intervención no Callao, xa sen adoquín, vai supoñer un cambio “moi notable no barrio, o que estamos seguro que contribuirá a dinamizar o comercio e a hostalería da zona”. 

O voceiro tamén deu conta do estado doutras obras na cidade. Na rúa Pardo Baixo continúan os traballos de movemento de terras e demolición de beirarrúas. No parque de Fontelonga, no barrio de Caranza, proseguen o movemento de terras e está previsto que a próxima semana comecen os traballos na cuberta do pavillón de Esteiro, ondE na actualidade estanse a executar obras de reparación no interior da instalación, como nos vestiarios.  

Prazos abertos O voceiro do goberno local lembrou que o prazo de inscrición para os campamentos municipais de balde para este verán continúa aberto e remata o día 15 incluído. Ofértanse 440 prazas, 100 no rural e 340 no ámbito urbano. Do total, 270 corresponden ao mes de xullo e 170 a agosto. As persoas interesadas poden atopar toda a información no Taboleiro de Anuncios do Concello: https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios 
Igualmente continúa aberto o prazo para solicitar autorización para realizar na cidade luminarias en San Xoán e San Pedro, que se poderán desenvolver do mesmo xeito que o pasado ano e sen restrición algunha pola covid-19. O prazo remata o 20 de xuño e toda a información está no Portal do Cidadán do Concello de Ferrol: https://bit.ly/3MareyU


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar