“O Goberno central mostra o seu apoio ao proxecto de Nervión
Naval Offshore para instalar en Ferrol unha planta de ensamblaxe de estruturas de eólica
mariña”, anunciou esta tarde o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ao rematar a reunión no
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo na que o rexedor ferrolán; o vicepresidente
de Nervión e responsable máximo da división industrial do Grupo Amper, Alfonso
Sánchez; e o director xeral de Nervión Naval Offshore, Roberto Bouzas; presentaron
formalmente a iniciativa ao secretario xeral de Industria e da PEME, Raúl Blanco. O
Goberno central, dixo, “ten un compromiso total coa diversificación do sector naval”.
Trátase dunha iniciativa que “encaixa perfectamente no Perte para a industrial
naval”, cuxo reto fundamental é “diversificar o sector cara a novos produtos, con especial
fincapé na súa dixitalización, a mellora da súa sostenibilidade medioambiental e a
capacitación dos seus empregados”, lembrou o alcalde ferrolán. O Goberno, dixo, “é moi
consciente” da importancia do sector naval e da “necesidade da súa diversificación”, polo
que este proxecto de Nervión “é moi interesante para Madrid”.
Ademáis do Perte naval e do Perte de enerxías renovables, hidróxeno renovable e
almacenamento, ambos enfocados en parte ao impulso da eólica mariña, estúdase unha
terceira vía de financiamento para un proxecto “estratéxico para a cidade e a súa
comarca”, os Fondos de Transición Xusta.
Mato lembrou que esta proposta chega da man dunha empresa con ampla
experiencia e tradición tanto como auxiliar do naval como no desenvolvemento de
estruturas eólicas mariñas. “Dende o momento no que me presentou esta posibilidade
tratei de prestar todo o apoio a este proxecto, que no seu momento xa lle trasladamos ao
Instituto de Transición Xusta”. “Debe haber unha aposta clara por parte de todas as
Administracións polo desenvolvemento da eólica mariña”, e insistiu en que “Ferrol debe
ser sede dun hub non só industrial, senón tamén de innovación e desenvolvemento da
eólica mariña, porque esta cidade ten o ecosistema axeitado para albergalo”, dixo.
Está previsto que a eólica mariña experimente un crecemento exponencial nos
vindeiros anos. Só en Europa, prevense necesidades de ata 60 xigavatios no 2030 e de ata
300 xigavatios a mediados de século. Por iso “debemos seguir mantendo a nosa posición
no desenvolvemento de aeroxeradores mariños con cimentación fixa e aeroxeradores
mariños sobre plataforma flotante”, afirmou. Para Ángel Mato, as prioridades das
políticas industriais deben ser “fixar emprego e talento” na cidade e na comarca, “e para
conseguilo debemos diversificar, tal e como está a fomentar o Goberno de España”.
Investimento de 25 millóns e creación de 300 postos de traballo
Sobre o proxecto en concreto, o rexedor destacou que Nervión tivo un papel importante
en varios dos parque que se implantaron en Europa nos últimos anos, como o de
SaintBrieuc, traballando para Navantia. “Temos que aproveitar esa experiencia”,
aseverou.
Na primeira fase do proxecto para Ferrol, o impacto laboral estímase nuns 300
postos de traballo, que poderían medrar a medida que avance. Sobre a elección do porto
exterior como localización, dixo, é “óptima” porque seguirá xerando actividade e
emprego nun lugar no que a día de hoxe existe moito espazo dispoñible. As instalacións
ocuparán unha superficie de 74.000 metros cadrados e o investimento necesario ascende
a 25 millóns de euros.