O alcalde, Ángel Mato, participou esta mañá no ciclo
“Conversas no Parador”, que organiza o Club de Prensa de Ferrol. A petición da
presidenta da entidade, Julia Díaz, que presentou o acto, o rexedor fixo un balance dos
tres anos de mandato. “Cando oio a crítica de que en Ferrol hai un goberno desbordado,
paralizado e outras cousas máis, acudo aos datos”, explicou Mato para enumerar a
continuación as cifras recollidas nos portais de transparencia do Concello e de
contratación do sector público. “Levamos gobernando dende o 2019. O volume de
licitación neses tres anos é de 28,7 millóns de euros. Entre o 2015 e o 2019
adxudicáronse 14,6 millóns de euros. E entre o 2011 e o 2015, tamén en catro anos, con
13 concelleiros, adxudicáronse 26,6 millóns de euros. “Ese goberno desbordado,
paralizado, que non fai o seu traballo, en só tres anos adxudicou 2,4 millóns de euros
máis que o goberno de 13”, relatou antes de avanzar que neste momento se atopan en proceso de licitación contratos por un valor de 4,1 millóns de euros máis, co que a cifra
nos vindeiros meses se incrementará ata os 32,8 millóns.
Repasou algunhas das actuacións que se realizaron dende o 2019 en materia de
obras, como a rehabilitación de edificios en Recimil, o cambio de firmes na praza do
Callao e na rúa Lugo, a reparación de estradas como a que une Papoi con Mandiá, a
avenida de Esteiro, a avenida do Mar, o novo acceso ao cemiterio de Serantes, a
reurbanización da rúa Espartero e de Carme Curuxeiras, a urbanización de Basanta, a
rehabilitación da torre da batería baixa de San Ferlipe, a estrada Catabois-Mandiá ou a
ampliación da estrada de Pazos, e lembrou que neste momento hai en marcha destacadas
intervencións como son o parque de Fontelonga, a rúa da Igrexa, a rúa de Pardo Baixo
ou a reparación de Cidade Xardín, ás que de forma inminente se van unir a reparación
das cubertas do mercado da Magdalena e do edificio do Concello.
Máis prazas de aparcamento creadas que as que se eliminaron
O alcalde asegurou que nese conxunto se pode ver o seu modelo de cidade, máis
humana, onde as persoas recuperen o espazo público, buscando alternativas ao
estacionamento dos vehículos nas rúas. Nese senso, lembrou que dende a súa chegada
ao goberno local se crearon máis prazas de aparcamento gratuíto que as que se
eliminaron, en referencia ás 256 que suman “os dous únicos aparcadoiros públicos
municipais que se crearon en Ferrol en moitos anos”, como son o de Canido (133) e o
do CHUF (123), aínda que nalgún deses casos non lle parecera “a mellor opción”.
Aínda así, asegurou que o goberno local traballa para habilitar novos espazos
que dean cabida aos vehículos privados para que non ocupen as rúas.
Outros asuntos sobre os que incidiu o rexedor respecto á xestión destes tres anos
foron a rehabilitación de vivenda (punto no que quixo destacar a contribución
económica do Estado), o traballo desenvolvido polo Concello durante a pandemia á
hora de garantir os servizos e os empregos e de proporcionar equipos de protección nos
lugares máis necesitados deles, o soporte dato aos pequenos empresarios a través de
catro programas de axudas nos que Concello e en parte a Deputación mobilizaron
arredor de catro millóns de euros, ou o arranxo de problemas históricos. Entre estes últimos mencionou Cidade Xardín, a recuperación dos fondos do Ateneo, o inicio da
remodelación da avenida das Pías ou o desbloqueo da ampliación do hospital. Ademais,
nos próximos meses está previsto, avanzou, iniciar a licitación do derrubo da nave
provisional do mercado e someter ao pleno tanto as contas de Emafesa coma o
protocolo de execución concertada coa empresa de augas e o convenio co Ministerio de
Defensa.