Novas

xoves, 09 de xuño de 2022

O Concello solicita un programa de emprego e formación dun ano para acondicionar o parque do Montón

Un total de 20 persoas obterían coñecementos sobre aproveitamentos forestais e conservación e mellora de montes e realizarían 2.410 horas de prácticas laborais. O alcalde, Ángel Mato, explicou hoxe que “servirá para recuperar unha parcela de indubidable valor” á que se podería trasladar a Aula de Ecoloxía Urbana


O Concello de Ferrol vén de solicitar á Administración autonómica a concesión dun obradoiro dual de Emprego e Formación sobre aproveitamentos forestais e mellora de montes dirixido a 20 persoas que durante un ano desenvolverían a fase práctica do curso no parque do Montón, levando a cabo labores de limpeza, rozas, adecuación e delimitación de camiños. O espazo verde conta cunha superficie total de preto de 26.500 metros cadrados e atópase no barrio de Caranza. É unha zona forestal densamente poboada de especies arbóreas. 


O alcalde, Ángel Mato, explicou esta mañá durante a súa intervención nas Conversas no Parador, do Club de Prensa, que a iniciativa serviría para saldar “unha débeda pendente” cunha das zonas verdes máis importantes da cidade, que se foi deteriorando durante a última década. “Servirá para recuperar unha parcela de indubidable valor”. “Gustaríame que nela se situase definitivamente a Aula de Ecoloxía Urbana”, asegurou o rexedor. 

En caso de obter a subvención por parte da Xunta, o parque do Montón someteríase a uns traballos que repercutirían notablemente na mellora do patrimonio natural da cidade. Executaríanse labores de limpeza e eliminación de biomasa, de aproveitamento e repoboación forestal —identificación, plantación e coidados—, tratamentos silvícolas —podas, tratamentos fitosanitarios e biolóxicos, entre outros— co uso de maquinaria forestal, como motoserras, desborzadoras e tractores, crearíanse camiños e infraestruturas forestais, como cortalumes, e executaríanse labores de loita contra a erosión. 

Estás prácticas laborais no marco do obradoiro dual permitirían acadar o nivel 1 de cualificación profesional a 10 persoas, en ‘Actividades Auxiliares en Aproveitamentos Forestais’ e ‘Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes’, e o nivel 2 a outras 10, en ‘Aproveitamentos Forestais’ e ‘Repoboacións Forestais e tratamentos Silvícolas’.

O nivel 1 inclúe 685 horas de formación teórica e 1.235 horas de de prácticas laborais no parque do Montón. As 10 persoas do nivel 2 recibirían 745 horas de formación e destinaría 1.175 horas a traballos de acondicionamento e mellora do espazo verde. En total, 1.920 horas de formación e 2.410 horas para o acondicionamento e mantemento do parque. Ademais, todos recibirían outras 60 horas de formación básica. 

A subvención solicitada ascende a 503.987 euros e o Concello de Ferrol sumaría outros 16.573,58 euros. Ademais, a obtención da axuda supoñería a contratación de cinco traballadores —un director de programa, un auxiliar administrativo, dous docentes de formación especializada e outro para impartir formación básica—. No caso de obter a axuda, o obradoiro podería comezar nas próximas semanas. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar