Novas

venres, 10 de xuño de 2022

Os actos conmemorativos do Dez de Marzo continúan este mes cunha mesa redonda e unha representación teatral

O alcalde presentounos hoxe na compaña de representantes de Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán. Ángel Mato participará nunha mesa redonda en homenaxe a Vicente Álvarez Areces, co que compartiu tres anos no senado


Os actos conmemorativos do Dez de Marzo continúan este mes cunha mesa redonda e unha representación teatral

FERROL, 10 DE XUÑO. A conmemoración do Dez de Marzo continuará este mes cunha mesa redonda no Antigo Hospicio e unha función teatral no auditorio do Centro Torrente Ballester. O alcalde, Ángel Mato, presentou hoxe ambos actos na compaña de Víctor García Novas, de Fuco Buxán; de Manuel Fernández Pita, de Memoria Histórica Democrática, e Cristina Mariño, coautora e directora da peza que se vai representar no Torrente.
Mato asegurou que dende o primeiro momento o Concello acolleu “con sumo interese” todas as iniciativas que lle foron chegando por parte de diversas entidades para lembrar os sucesos de 1972, e destacou que Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán están traballando arreo para desenvolver un programa acorde co significado daquela data para Ferrol. Afirmou que Concello e asociacións van da man para que as iniciativas saian adiante, polo que lles agradeceu tanto aos seus representantes como ao persoal municipal implicado o seu esforzo e a súa coordinación.
O vindeiro martes, 14 de xuño, terá lugar no Antigo Hospicio a mesa redonda “O mundo da cultura e o Dez de Marzo. Unha homenaxe a Vicente Álvarez Areces”, na que participarán José Gómez Alén, historiador e vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco; Manuel Peña Rey, médico e presidente de honra do Partido Comunista de Galicia; José Manuel Torre Arca, catedrático de Lingua Francesa e ex membro do comité central do Partido Comunista; Miguel Álvarez Areces, economista e presidente da Asociación de Arqueoloxía Industrial, e o propio alcalde de Ferrol, que compartiu grupo parlamentario co homenaxeado durante os tres anos nos que foi senador.
Por outro lado, o venres 17 representarase na capela do Torrente “De marzo a marzo”, de Cristina Mariño e Carlos Castrillón. O elenco está formado por Juani Hernández, José Piñeiro, Daniel Solloso, Franki Muíño, Marga G. Pita, Carmen Caeiro, Miguel Curveira, Alexis Sequeiro, Alba Santalla e Luis Pillado.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar