Novas

venres, 10 de xuño de 2022

O goberno local analiza con vendedores do mercado de Recimil o anteproxecto para a reforma do edificio

O alcalde, Ángel Mato, e os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e de Mercados, Germán Costoya, revisaron o borrador con responsables dos postos para que puidesen comprobar se se axusta ás necesidades que teñen e así poder levar a cabo as adaptacións que sexan precisas


O goberno local analiza con vendedores do mercado de Recimil o anteproxecto para a reforma do edificio

FERROL, 10 DE XUÑO. O alcalde, Ángel Mato; o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e o edil de Mercados, Germán Costoya, mantiveron onte unha reunión cun grupo de responsables de postos do mercado de Recimil, entre os que se atopaban representantes da asociación de vendedores, para analizar o anteproxecto de reforma do edificio. Trátase dun borrador no que o goberno local vén traballando durante os últimos meses e que constitúe o punto de partida para executar a tan necesaria reforma do edificio, para a que o goberno local reservou preto dun millón de euros nos orzamentos municipais do pasado exercicio.
O documento de traballo contempla a demolición dalgúns dos postos instalados arredor do corpo principal da construción, co fin de poñela en valor e deixala máis libre. Esta medida tamén serviría para axustar o espazo á demanda. A intención é que, ademais do número de postos que están ocupados na actualidade, queden varios baleiros para atender a posibles interesados en pór en marcha novos negocios no mercado, pero do que se trata, segundo explicaron os responsables municipais, é de que as instalacións manteñan unha alta taxa de ocupación respecto do espazo dispoñible.
A reunión constituíu unha primeira aproximación para que os interesados poidan analizar con detemento a proposta e estudar a futura distribución de postos. De feito, todos os presentes acordaron que os vendedores que asistiron lles trasladarán a información ao resto de compañeiros.

Reunión a próxima semana
Co fin de que todas as persoas que desenvolven a actividade no mercado teñan a posibilidade de comunicar directamente as súas suxestións e as dúbidas que teñan, acordouse que haberá unha nova reunión a vindeira semana para a que se espera contar coa presenza da totalidade dos vendedores.
Tanto o alcalde coma os concelleiros destacaron tras a xuntanza que, presentado o anteproxecto como un punto de partida sobre o que traballar, o primeiro obxectivo do goberno local é dar cumprimento ás necesidades que se trasladen dende os negocios. Segundo destacaron, existe consenso entre eles sobre a necesidade de rehabilitar mercado de Recimil, e a partir de agora será necesario conciliar os intereses e as perspectivas de cada un para desenvolver o proxecto definitivo. Rexedor e edís insistiron en que o principal é dar resposta aos requirimentos dos interesados, ao tempo que se rehabilita un edificio singular.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar