Novas

luns, 13 de xuño de 2022

Ángel Mato comprométese cos usuarios e o persoal do CAMF a seguir traballando pola mellora do centro e pola cobertura de prazas vacantes

O alcalde, a subdelegada do Goberno, a deputada Natividad González Laso e a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero mantiveron reunións cos residentes, o comité de empresa e a dirección do centro para interesarse polas súas demandas e informalos sobre as medidas que está adoptando o Imserso


Ángel Mato comprométese cos usuarios e o persoal do CAMF a seguir traballando pola mellora do centro e pola cobertura de prazas vacantes

FERROL, 13 DE XUÑO. O alcalde, Ángel Mato, acudiu esta mañá o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF) na compaña da subdelegada do Goberno, María Rivas; a deputada Natividad González Laso e a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. A visita serviu para manter unha reunión con representantes dos usuarios e co comité de empresa. Nela, o rexedor comprometeuse a seguir traballando como interlocutor para conseguir as melloras que necesita o centro e para que se cubran as prazas vacantes no cadro de persoal.

De feito, os representantes públicos informaron sobre unha serie de medidas que o Imserso ten en marcha para cubrir as necesidades que presenta o centro, tanto de carácter material coma no referido a persoal.

Sobre as primeiras, explicaron que para este ano está reservada unha partida de 172.000 euros para reformas destinadas a mellorar a seguridade do centro, como son a mellora das instalacións contra incendios, os sistemas de chamada das habitacións ou dispositivos de detección de fugas de gas. Algunhas delas xa están en marcha. Ao tempo, está aprobado o orzamento para melloras en accesibilidade.

Na actualidade, o CAMF conta cunha relación de postos de traballo de 164 prazas, das que están cubertas 142 e outras 22 están vacantes. Por ese motivo, o Imserso foi convocando ao longo dos derradeiros meses ata 16 prazas, co obxectivo de facer descender a proporción de vacantes dun 13,4 % a un 3,6 %.

Ademais destas medidas, alcalde e subdelegada lembraron que, de cara ao vindeiro ano está previsto poñer en marcha un proxecto de intervención integral para mellorar os accesos, reformar a área de cociña, instalar seis elevadores, adecuar a zona de enfermaría e dotar as instalacións de novo mobiliario e equipamento.

Logo do encontro con residentes e traballadores, houbo unha segunda reunión coa dirección do centro, á que se lle explicou tamén en que consisten as iniciativas que está desenvolvendo o Imserso para mellorar o servizo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar