Novas

luns, 13 de xuño de 2022

O goberno local adxudica por 1,3 millóns a rehabilitación de cuberta e fachadas dos números 23-25 da praza de España

Trátase dunha actuación cofinanciable nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Sustentable e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, cidade 2020”


FERROL, 13 DE XUÑO. A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa reunión desta mañá por un importe de 1.304.473,50 euros (impostos incluídos) as obras comprendidas no proxecto básico e de execución de rehabilitación de edificios residenciais da praza de España 23-25, no barrio de Recimil. O prazo de execución unha vez rubricada a acta de traza de planta é de seis meses. Trátase dunha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Os traballos consistirán nunha rehabilitación coa que se van mellorar as condicións de habitabilidade, estanqueidade e eficiencia enerxética das vivendas comprendidas nos tres portais do edificio. Entre outras actuacións, contémplanse o cambio das cubertas, a instalación de sistemas illantes e de impermeabilización nas fachadas, ademais da substitución das carpinterías exteriores e dos portais. Tamén se mellorará a accesibilidade, colocaranse ventilacións, reconstruiranse chemineas, instalaranse porteiros automáticos, colocaranse antenas colectivas para o sinal de televisión, realizaranse novas acometidas ás vivendas, soterraranse os cables eléctricos que agora están colocados de xeito aéreo, ao igual que se fará co tendido de telefonía, e intervirase nas acometidas do abastecemento de gas. 

En canto aos baixos do inmoble, regularizaranse conforme ao seu aspecto orixinal e unificaranse elementos como persianas, escaparates e marquesiñas. “Outro aspecto importante da obra é que vai resolver diversos problemas estruturais e de humidades nos balcóns das terrazas posteriores. Farase un reforzo e peche destes elementos. Finalmente, repararanse os patios dos baixos situados na fachada posterior.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar