Novas

luns, 13 de xuño de 2022

O goberno local aproba inicialmente a modificación puntual do Plan Parcial de Esteiro para a construción do Centro de Investigación en Industria Intelixente da Universidade

O edificio CI3 da UDC levantarase na parcela bordeada pola avenida de Esteiro, a Vigo e a rúa Naturalista López Seoane. A Xunta de Goberno adxudicou esta mañá as obras de reposición do pavimento da rúa Carme entre Sol e Callao


FERROL, 13 DE XUÑO. O goberno local aprobou de xeito inicial esta mañá a modificación puntual do Plan Parcial Reformado do Polígono Residencial de Esteiro, co fin de que se poida tramitar a construción do edificio de Investigación en Industria Intelixente da Universidade. O coñecido como CI3 levantarase nunha parcela bordeada pola avenida de Esteiro, a avenida de Vigo e a rúa Naturalista López Seoane.

O documento será sometido a información pública durante dous meses antes da súa aprobación definitiva. Mentres tanto, o Concello solicitaralles ás Administracións con competencias (Delegación do Goberno e Demarcación Hidrográfica Galicia Costa) os informes sectoriais preceptivos, segundo explicou o voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá.

Pola súa parte, o alcalde, Ángel Mato, cualificou de “magnífica noticia” que este proxecto “estratéxico para o desenvolvemento industrial da cidade e da comarca” promovido pola UDC superara hoxe un novo trámite administrativo, co que da un paso firme cara a súa construción.

Rúa Carme
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén deu o visto e prace á proposta de adxudicación da reposición do pavimento de lastras da rúa Carme no seu tramo entre Sol e a praza do Callao. O importe é de 47.566,96 euros (impostos incluídos). Trátase dunha actuación coa que se prevé retirar o actual pavimento de adoquín para a súa posterior recuperación e aproveitamento na colocación dunha nova superficie. O prazo de execución é de catro meses contados a partir da sinatura da acta de traza de planta.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar