O goberno local de Ferrol levará ao próximo pleno a
aprobación inicial do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) 2021 do Concello
despois de que o 30 de marzo o presentara aos grupos municipais en comisión
informativa para que o estudaran e formularan propostas o enmendas, “pero en dous
meses o Partido Popular non trasladou ningunha”, explicou esta mañá o concelleiro de
Urbanismo e Mobilidade, Julián Reina, tras a comisión informativa de Medio Ambiente,
Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, onde se volveu a abordar a
aprobación do documento.
Na sesión de hoxe o Partido Popular solicitou máis tempo para formular achegas,
polo que ata o venres poderá presentar propostas que se debaterán nunha nova comisión,
a o do próximo mércores, xunto coas que xa presentou o BNG. O obxectivo do goberno
local, insistiu Reina, tras presentalo aos grupos hai dous meses, “é sometelo ao pleno
deste mes e non demoralo máis”, dixo, posto que é un trámite “imprescindible para que
a cidade reciba fondos europeos da estratexia EDUSI, entre outras axudas económicas”.
O PMUS 2021 está composto polo Plan de Mobilidade e Espazo Público
redactado en 2009 xunto coa addenda ao mesmo, que diagnostica a situación actual de
Ferrol en materia de mobilidade desde a redacción do PMUS 2009 ata mediados de
2021. Dita addenda revisa as propostas e os obxectivos que perseguía o PMUS 2009
tendo como referencia tanto a sustentabilidade como a mobilidade sostible e o actual
modelo de cidade para coñecer o seu grao de implantación, tal e como explicou Reina.
Tamén pormenoriza a diagnoses e os obxectivos nos diferentes modos de
desprazamento que se dan na cidade. Trátase dunha actuación cofinanciable nun 80%
polo Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo
Plurirrexional de España Feder 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano
Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”.
Imprescindible para que a cidade obteña fondos europeos
Unha vez aprobado polo pleno de Ferrol, o PMUS 2021 someterase a exposición
pública no Taboleiro de Anuncios do Concello e no BOP por un prazo de 30 días co fin
de que poidan examinar o expediente as persoas interesadas. Unha vez rematado este
proceso procederase a súa aprobación definitiva no pleno.
O concelleiro de Mobilidade destacou hoxe que é “necesario” que o Concello de
Ferrol, ao igual que o resto de administracións locais, dispoñan dun Plan de Mobilidade
Sostible “para que a cidade reciba fondos europeos da estratexia EDUSI, fondos do
Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) ou do goberno
autonómico destinados a mellorar o transporte público urbano ou metropolitano, así
como a outras axudas relacionadas coa accesibilidade nos espazos de uso público”.
Estas subvencións permitirían que Ferrol “avance cara a un modelo de cidade máis
sostible, seguro e saudable”.
Neste senso, Reina lembrou que un dos proxectos para a cidade que están
condicionados á aprobación do PMUS 2021 é a reurbanización completa do primeiro
quilómetro da estrada de Castela, desde a Praza de España.
Participación na súa redacción a través da Mesa de Mobilidade
O concelleiro explicou que a redacción do PMUS 2021 contou na súa primeira fase
participativa coa implicación dos distintos grupos e colectivos a través da Mesa da
Mobilidade. Trátase, dixo, dun documento “no que o conxunto da cidadanía ferrolá
pode sentirse representado” posto que recolle “os puntos que nos une máis que os que
nos separan”.
O responsable de Mobilidade explicou que a addenda contextualiza o PMUS 2009
ao momento actual, tanto a nivel global como local, no que “desde os concellos
debemos contribuír a facer fronte a grandes retos”. O PMUS do ano 2009, “exhaustivo,
rigoroso e solvente”, apuntou, non foi aprobado en pleno, polo que “foi necesario
actualizalo ante a situación actual da cidade e incluíndo novos retos desde as diferentes
perspectivas”. Neste senso, Reina indicou que o PMUS 2021 é unha ferramenta para
“mellorar a mobilidade e a calidade de vida da sociedade dun xeito estratéxico,
compartido e consensuado para a súa eficaz implantación”.
Obxectivos agrupados en 21 medidas
O PMUS 2021 establece un total de 21 medidas a implantar nos próximos anos segundo
cada un dos modelos de desprazamento: o que corresponde á mobilidade a pé, en
bicicleta, en transporte público e, por último, en vehículo privado.
O primeiro apartado inclúe a aprobación da ordenanza municipal de
accesibilidade de Ferrol, tamén mellorar a calidade do espazo público, avanzar no
programa de camiños escolares seguros e na peatonalización do centro da cidade con
máis espazo para o peón, implantar unha rede de itinerarios de prioridade peonil na zona urbana e corredores verdes no rural, planificar actividades que impliquen o maior uso do
espazo público e a creación dun departamento de mobilidade. En canto á mobilidade en
bicicleta contémplase mellorar o sistema de bicicletas compartidas con máis puntos de
estacionamento e bicicletas eléctricas, implantar unha rede urbana segura para os
ciclistas, outra na zona rural conectada co centro e coa rede de buses e desenvolver
campañas de sensibilización sobre os beneficios do uso da bicicleta.
O PMUS 2021 recolle en relación ao uso do transporte público a implantación de
liñas orientadas ao fomento do comercio local e a conexión entre barrios, outras tipo
lanzadeira que conecten estacionamentos disuasorios co centro urbano, un plan de
mellora das paradas e da accesibilidade, ofrecer un servizo municipal de transporte
segundo a demanda no rural, promover a recuperación do transporte marítimo e
ferroviario, planes de mobilidade que conecten con grandes centros de traballo e o
desenvolvemento de campañas de concienciación cidadá sobre a rede de autobuses.
Por último, e en relación ao uso do vehículo privado, o PMUS 2021 contempla,
entre outras cosas, establecer unha xerarquía viaria orientada ao cumprimento da lei de
cambio climático e co fin de avanzar na planificación do espazo público, o deseño dun
plan de estacionamento.