Os concellos de Ferrol, Ares e Valdoviño recuperarán, baixo
o liderado da Deputación, as súas baterías de costa. O alcalde Ferrolán, Ángel Mato; o
presidente provincial, Valentín González Formoso; o rexedor de Ares, Julio Iglesias, e o
de Valdoviño, Alberto González, mantiveron esta mañá unha reunión no pazo municipal
na que tamén participaron a deputada provincial e concelleira de Obras e Servizos, Ana
Lamas; o edil de Urbanismo, Julián Reina; a concelleira de patrimonio Histórico, Eva
Martínez Montero, e técnicos da Deputación. O encontro serviu para pór en marcha a
recuperación das baterías de costa situadas nos tres municipios, a maior parte das cales
se atopan en territorio ferrolán, co dobre obxectivo de poñer en valor un patrimonio tan
importante e aproveitalo como recurso turístico.
O primeiro paso será traballar co Ministerio de Defensa sobre a titularidade das
instalacións co fin de poder definir o ámbito e o alcance do proxecto, xa que gran parte
dos terreos pertencen neste momento ao Estado. En paralelo á negociación dun marco
de colaboración, vaise encargar o deseño dun plan director que tanto rexedores coma
presidente provincial coincidiron en cualificar de “ambicioso”.
A intención é que o primeiro paso se dea coa rehabilitación de Monte Ventoso
(Ferrol), A Bailadora (Ares) e Campelo Alto (Valdoviño), pero a intención é que o
proxecto teña continuidade despois con instalacións tan representativas como as de
Prior, entre outras.
O centro de xestión, en Ferrol
Na xuntanza, houbo consenso en que o futuro centro de xestión situarase en Ferrol.
Tamén se acordou explorar vías de financiamento que lle dean soporte aos
investimentos que se poidan facer dende as institucións provincial e locais, como pode
ser a captación de fondos a través dos programas do Ministerio de Industria, Comercio e
Turismo.
Ángel Mato mostrou a súa satisfacción por poder impulsar baixo o liderado da
Deputación “unha experiencia turística nova”, vinculada ao patrimonio “e á divulgación
do que era o noso sistema defensivo”. O alcalde lembrou que o Concello leva moito
tempo traballando nunha candidatura a patrimonio mundial centrada no porto, arredor
do que se explica todo o sistema de defensas costeiras, que permaneceu en
funcionamento ata as derradeiras décadas do século pasado.
González Formoso explicou que a primeira medida que se acordou foi “falar coa
Secretaría de Estado de Defensa a través do alcalde de Ferrol para que se cree un equipo
inmediato de necogiación de cesión da titularidade e aclaración da titularidade dos
elementos patrimoniais que se queren rehabilitar”. A Deputación farase cargo tanto dos
proxectos de rehabilitación como da elaboración do plan director, aclarou. O obxectivo
final é poñer as baterías “ao nivel de Normandía, Scapa Flow ou o norte de Alemaña”,
asegurou.
Julio Iglesias e Alberto González agradeceron, pola súa banda, a implicación da
Deputación Provincial nun proxecto “fundamental dende o punto de vista social,
paisaxístico e cultural”.