Os campamentos de verán do Concello de Ferrol recibiron un
total de 253 solicitudes e a listaxe provisional publicarase proximamente no Taboleiro
de Anuncios municipal, no enlace https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios, tal e
como explicou esta mañá a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, tras a
comisión informativa de hoxe de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e
Patrimonio Histórico.
A concelleira tamén deu conta da programación con motivo do Día do Orgullo
LGBTI 2022, que terán lugar o día 1 de xullo. Ás 19 horas, no Teatro Jofre, celebrarase
unha xornada de debate na que participará Noemí Díaz Vázquez, enxeñeira de montes,
docente e profesora de ESO coa ponencia ‘Visibilización e retos LGBTI+ na
Educación’. Tamén intervirá coa charla ‘Diversidade nas Administracións Públicas’
Mercedes Rosón Ferreiro, activista, colaboradora en diferentes asociacións do colectivo
e primeira tenente de Alcalde e concelleira de Urbanismo, Vivenda, Acción Social e
Igualdad no Concello de Santiago.
Tras a xornada de debate terá lugar, ás 20.30 horas, unha actuación musical de
balde ata completar aforo a cargo de Mounqup, francesa afincada en Ourense desde
2011 e gañadora do Premio Martín Codax 2017 á mellor artista de música electrónica de
Galicia, entre outros.
Ademais, o Concello de Ferrol súmase á campaña ‘Libre de ser e sentir’, da
Deputación da Coruña, á que dará visibilidade, e procederá ao acendido coas cores do
arco da vella da fachada do Teatro Jofre desde o martes 28 de xuño ao domingo 3 de
xullo. Ademais, colocaranse carteis informativos nos comercios, nos muppis e
repartiranse pulseiras coas cores do arco da vella.
Lista provisional para becas comedor e axudas para material escolar
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou aos
grupos municipais que mañá se publicará no Taboleiro de Anuncios do Concello de
Ferrol a listaxe provisional de beneficiarios das becas que sufragarán o total do servizo
de comedor escolar durante o próximo curso escolar e das axudas económicas para
adquirir material escolar. Os solicitantes que quedaron fora terán un prazo de 10 días
hábiles a partir do luns, 20 de xuño, para subsanar a documentación.