O Concello de Ferrol vai prestar servizo de socorrismo nas
praias de Penencia, Doniños, San Xurxo, Esmelle, Covas-Fragata, Santa Comba,
Ponzos, Caranza e A Graña desde mañá ata o 15 de setembro incluído, tal e como
anunciou esta mañá o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya. Activarase desde as
12 horas ata as 20 horas a excepción de mañá sábado, que comezará ás 16 horas para
dedicar a mañá aos labores de xestión e loxística na posta en marcha do servizo.
Aos 46 socorristas que superaron a proba de acceso sumaranse outros 5 técnicos
sanitarios para emerxencias, cunha ambulancia e un VIR (vehículo de intervención
rápida) e 4 con titulación en primeiros auxilios e patrón de embarcacións, posto que este
ano, como novidade, sumarase aos medios dos socorristas unha lancha motora zodiac
que estará permanentemente amarrada no porto exterior preparada para saír para
desenvolver labores de rescate e auxilio. Ademais, o servizo contará ata o día 28 de
xuño con 12 socorristas en período de prácticas. Ao rematar esta fase, algúns poderanse
sumar ao servizo.
Tamén melloras nas comunicacións dos socorristas
A tempada de praias comeza con numerosas melloras respecto ao ano pasado. Outra das
novidades é a ampliación do servizo de megafonía a outras tres praias: Santa Comba,
Ponzos e Esmelle, que se suman ás que xa dispoñen deste sistema de avisos, as de
Penencia, Doniños, San Xurxo e Covas-Fragata. Deste xeito, explicou Costoya, todos os
areais exteriores da cidade contarán con servizo de megafonía.
Ademais, o Concello vén de renovar os 60 equipos de comunicacións dos socorristas e
incorporou 11 novos dispositivos da rede para emerxencias Tetra, a de maior cobertura,
un para cada unha das nove casetas (unha por praia), outro para o coordinador de praias
e outro para o coordinador de Seguridade.
Este ano tamén se estrearán placas solares nas casetas de Santa Comba, Esmelle,
Ponzos, Caranza e A Graña para garantir o subministro eléctrico en substitución das
baterías, que “xeraban complicacións”. Para este ano o Concello de Ferrol tamén
renovou todas as bandeiras das praias, nove de cada cor —amarelo, verde e vermello—
por outras novas de grandes dimensións.
Atención cidadá ao teléfono
Tras a boa acollida que tivo o pasado verán o servizo de atención telefónica posto a
disposición da cidadanía, este ano o Concello activa de novo desde mañá mesmo o
servizo. No número de teléfono 606 771 365, todos os días de 12 a 20 horas, os
socorristas ofrecerán información sobre o estado do mar, o vento, a bandeira e a
afluencia que rexistran as praias.
Ferrol con socorristas en todas as praias “pese á Xunta”
Todas estas medidas, que garanten o servizo de socorrismo durante tres meses en todas
as praias con casetas “leva un traballo milagreiro”, indicou Costoya, derivado dos
“impedimentos que pon a Xunta, especialmente desde o ano pasado”. O edil cualificou
de “incompresible” a campaña que o Goberno autonómico vén de poñer en marcha para
“anular as certificacións anteriores dos socorristas en activo”. Esto, dixo, “non cabe en
cabeza de ninguén”.
Costoya explicou que ademais de ser necesario renovalo, agora é obrigado
inscribirse no Rexistro profesional do persoal de socorrismo de Galicia a través de
varios canles, “cada cal máis rimbombante que a anterior pola súa complicación”.
“É inaudito”, dixo, que sendo a vixilancia das praias unha competencia
exclusivamente municipal, a Xunta decrete normativa “ás costas de todos os Concellos
que despois van na nosa carga”. “Non entendemos por que a Administración
autonómica insiste en eliminar socorristas con normativa absurda”.
A Xunta “abandona aos bañistas á súa sorte”, puntualizou. Este verán “haberá
moitas praias en Galicia sen socorristas aínda que en Ferrol non o conseguiron”. Aquí,
dixo, “pese á Xunta, abrirán todas as praias posto que para esta cidade a seguridade das
persoas é o primeiro”.