O alcalde, Ángel Mato, presidiu esta mañá no centro
municipal Torrente Ballester o acto de clausura e entrega de diplomas da segunda
edición do curso de reforma de interiores e revestimentos para persoas en risco de
exclusión organizado polo Concello de Ferrol, Cáritas e Apecco (Asociación Provincial
de empresarios da construción da Coruña). O curso comezou a comezos de ano e
rematárono un total de 11 persoas, tanto a súa fase teórica como práctica, que se
desenvolveron tanto no Centro de Emprego do Concello, na sede de Cáritas e nas
empresas da zona que colaboraron na iniciativa. Na actualidade, preto da metade dos
participantes teñen xa unha saída profesional, dous a través do programa de emprego do
Risga que xestiona o Concello.
O alcalde destacou a “gran oportunidade” que supón iniciativas como esta para
“entre todos lograr unha maior creación de emprego na nosa cidade”. Desde a posta en marcha deste curso, o pasado ano, o obxectivo do Concello de Ferrol “non é outro que
promover o emprego en Ferrol e contribuír a que as persoas que na actualidade se
atopan en situación de vulnerabilidade teñan unha saída laboral”. Neste caso, apuntou,
“nun sector que necesita cubrir déficit de man de obra e que, o estamos vendo, nos
últimos meses ten moita demanda”. Cada vez “é máis necesaria a man de obra
especializada”.
O Concello de Ferrol, ademais de poñer a disposición o Centro municipal de
Emprego para o desenvolvemento das actividades, contribuíu cunha achega económica
co obxectivo de “promover a creación de emprego” na cidade. O alcalde agradeceu a
Cáritas a súa implicación e tamén ás empresas, que a través de Apecco proporcionaron
“un nivel de especialización moi elevado” aos aspirantes. Mato tamén anunciou a
necesidade de darlle continuidade ao programa posto que “a incorporación destas
persoas ao mercado laboral é positivo para eles, para as súas familias e contornas e
tamén para o conxunto da cidade”.
Pola súa banda, o bispo, Fernando García Cardiñanos, lembrou que a segunda
edición deste curso pon de manifesto as tarefas centrais de Cáritas: situar ás persoas no
centro das intervencións e axudar ao crecemento das súas capacidades para “sacar
adiante a súa propia vida”. O presidente de Apecco, Diego Vázquez Reino, incidiu en
que a asociación seguirá traballando para que “ningún demandante de emprego no
sector da construción que desexe traballar se quede sen un posto de traballo” e
agradeceu o papel desenvolvido polas empresas implicadas no proxecto. É un sector
“moi atractivo”, dixo, “para gañarse a vida dignamente”. A concelleira responsable da
área de Promoción Económica, María Teresa Deus, felicitou aos participantes, a quen
lembrou a “necesidade de contar cunha boa formación para acadar un “futuro laboral”.
No acto tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.