martes, 21 de xuño de 2022
O Concello repara o camiño de subida a Monte Ventoso
Ángel Mato comprobou a evolución da obra, que concluirá nos vindeiros días coa sinalización horizontal da vía. Lembrou que as construcións militares pasarán a ser de propiedade municipal co peche do convenio con Defensa. Destacou o valor turístico do mirador, polo que ve prioritaria a súa recuperación a través do acordo co a Deputación

O alcalde, Ángel Mato, comprobou esta fin de semana a evolución das obras de reparación do camiño de subida a Monte Ventoso. Trátase dunha actuación que afecta a un tramo de medio quilómetro de lonxitude, entre a estrada do Pieiro e o antigo observatorio meteorolóxico situado na cima. Ata agora, os traballos, cun custo de 25,267,99 euros, consistiron na consolidación do firme da vía, así como dos noiros das marxes, para a posterior aplicación dunha capa de aglomerado. Deste modo, só queda pendente o pintado da sinalización horizontal, unha tarefa para a que normalmente se espera varios días, co fin de que o asfalto acade as condicións axeitadas.