xoves, 23 de xuño de 2022
O Concello agradece aos escolares de Ferrol os preto de 8.000 barcos de papel elaborados nas aulas como apoio á candidatura da cidade a Patrimonio Mundial
Desenvolvéronse no marco do proxecto ‘Contamos contigo?’, impulsado recentemente polo Concello para involucrar á cidadanía no apoio á proposta ferrolá ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, visitou o Cristo Rey no último día do curso e comprobou os barcos elaborados polos alumnos do centro. Ademais de aos máis pequenos, o Concello quere implicar á cidadanía en xeral a través das asociacións veciñais, centros sociais e accións na rúa para lograr ao menos 30.000 barcos que formarán parte dunha exposición e botados ao mar en outubro

O Concello de Ferrol desexa agradecer aos escolares de Ferrol os preto de 8.000 barcos de papel biodegradable elaborados nas aulas ao longo do último mes como apoio á candidatura da cidade a Patrimonio Mundial, que leva por título ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’. Trátase do proxecto ‘Contamos contigo?’ impulsado recentemente polo Concello para involucrar á cidadanía en xeral a través da elaboración de ao menos 30.000 barcos como símbolo de apoio cidadán á candidatura. Unha vez reunidos formarán parte dunha exposición e posteriormente, no mes de outubro, botados ao mar desde un lugar incluído na relación de bens da candidatura.