O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, comprobou esta semana as
obras de rehabilitación e mellora da accesibilidade que o Concello está a executar no
pavillón polideportivo de Esteiro por importe de preto de 300.000 euros. O rexedor
anunciou que esta semana rematou a instalación da nova cuberta do edificio, que xa
conta con dúas planchas metálicas e entre elas outra capa de illante a base de lana de
roca, un material que contribúe a combater as humidades que ata o momento sufría a
dependencia municipal.
O alcalde, que estivo acompañado polos responsables da empresa que executa o
proxecto, o concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, e o de Urbanismo, Julián Reina,
explicou que a nova cuberta poñerá fin ás humidades e filtracións que sufría o pavillón
de Esteiro antes das obras. “Estamos a executar unha intervención de importante calado,
con nova iluminación, un elevador, un mellor sistema contraincendios e de ventilación para mellorar e modernizar este pavillón no que tantos veciños practican deporte”,
indicou Mato tras a visita. “Queremos que o fagan nas mellores condicións”, apuntou.
En definitiva, dixo, “grazas ás obras o pavillón deportivo gañará modernidade,
accesibilidade e seguridade”.
Tamén se substituirán as canles de desaugue da cuberta por outras de aceiro
inoxidable, repararase o tellado dos locais anexos e a cuberta plana de vestíbulo e
vestiarios, arranxaranse as escaleiras da saída de emerxencia das bancadas e a
substituiranse as portas en mal estado, entre outras actuacións.
O pavillón contará cun elevador e renovará o sistema de iluminación
O alcalde tamén comprobou as obras que o Concello está a executar para instalar un
elevador de acceso ás bancadas, ata agora inexistente, o que permitirá que as persoas
con mobilidade reducida poidan ver as probas deportivas dende a grada e non a pé de
pista, como debían facer ata o momento. Deste xeito, por unha banda disporán de
espazo a carón de todo o público e, por outra, gañarán en seguridade ao situarse a
distancia da pista. Outra medida incluída no proxecto é a instalación dun sistema de
sinal de chamada de asistencia no vestiario accesible.
O alcalde explicou que o proxecto inclúe a renovación total da iluminación do
polideportivo, que mantenía a instalación de finais dos anos 90. Ao rematar as obras,
recalcou, o edificio “contará cun moderno sistema de tecnoloxía led específica para
instalacións deportivas”, de alta calidade, que supoñerá “un importante aforro
enerxético para o Concello”, apuntou Mato.
Mellor ventilación e reforzo do sistema contraincendios
Mellorarase o sistema de ventilación do pavillón, que pasará de contar con dous
ventiladores a catro, e de mellor calidade. En canto á seguridade, abriranse dúas saídas
de emerxencia na pista e repararase a que existe na zona das bancadas. En ambos casos instalaranse portas antilume de dúas follas con mecanismos de apertura de barra
antipánico.
As obras que está a executar o Concello tamén van reforzar o actual sistema
contraincendios. Habilitaranse sete bocas de incendio equipadas e trece extintores, dous
deles de CO2 xunto aos cadros eléctricos, ademais dunha central de alarma con sistema
de detección de incendios, e renovarase a iluminación de emerxencias.
No referido á pista, contémplanse reparacións puntuais na tarima, mediante
substitución de táboas en mal estado, lixado e vernizado de elementos. Os parafusos de
ancoraxe da varanda das bancadas serán substituídos. Todas estas actuacións
completaranse co saneamento e pintado de todos os paramentos interiores, a reparación
de gretas existentes na fachada, a limpeza de xuntas e aplicación de morteiro. Está
previsto que os traballos rematen a finais de verán.