O Concello de Ferrol vai colaborar na celebración do
Campionato Galego de Waterpolo Cadete Mixto de Verán, que terá lugar o próximo
sábado, 25 de xuño, na piscina municipal Javier Gómez Noia. O concelleiro de
Deportes, Antonio Golpe, presentou esta mañá o evento deportivo xunto ao tesoureiro
do Club Marina Ferrol, José Aneiros, e o secretario xeral da Federación Galega de
Natación, Ramón Mosquera.
O edil animou á poboación a acudir ao campionato xa que despois dun tempo de
restricións, “nesta ocasión o acceso do público non estará limitado”, e destacou o
intenso labor que está a desenvolver o Club Marina Ferrol na promoción do waterpolo,
especialmente entre a xente máis nova, e na organización do evento do sábado. Pola súa
banda, Aneiros agradeceu ao Concello de Ferrol a cesión da piscina municipal Gómez
Noia para o campionato e explicou que participarán nenas e nenos nados nos anos 2006
e 2007. Ao longo da mañá, de 11 a 14.30 horas, celebrarase a fase eliminatoria e pola
tarde, a partir das 17.30 horas, a final. A entrega de premios está prevista a partir das
19.30 horas.
Pola súa banda, Mosquera quixo resaltar do Concello de Ferrol a súa “aposta polo
deporte” e a súa disposición a “ceder sempre as instalacións municipais tanto para
campionatos como para a actividade diaria dos clubs”. É un exemplo, dixo, “para outros
concellos”. O secretario xeral da Federación Galega de Natación tamén destacou o
papel que desenvolve o Club Marina Ferrol na promoción do waterpolo e o aumento
nos últimos anos da participación feminina nesta disciplina.