Novas

xoves, 04 de agosto de 2022

Covas recupera a súa feira mensual despois de 18 anos

O Concelleiro de Mercados, Germán Costoya, anunciou esta mañá na compaña de representantes da asociación veciñal e dos vendedores que o evento volverá celebrarse o sábado 13


Covas recupera a súa feira mensual despois de 18 anos

FERROL, 4 DE AGOSTO. Covas recuperará este mes a súa feira. O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, anunciou hoxe que se volverá celebrar o vindeiro sábado 13, despois de 18 anos da súa desaparición, tal como confirmou o presidente da asociación veciñal, Manuel Sendón, que acompañou ao edil na comparecencia. Tamén estivo presente con eles a representante dos vendedores, Raquel Vargas, que avanzou que a oferta dos nove postos que van participar inclúe téxtil, alimentación e plantas.
Costoya lembrou que ata o 2004 a feira de Covas “facíase con regularidade” e agora retómase grazas á colaboración entre o Concello, os vendedores, a entidade veciñal e ao propietario da parcela na que se vai desenvolver a actividade, xunto á cooperativa. “Imos intentar que teña periodicidade mensual e que se fixe para o segundo sábado de cada mes”, explicou o concelleiro.
Pola súa banda, Sendón agradeceu “a proposta que nos fixo chegar o Concello para poñer en marcha o feirón de Covas”, como tamén aos propietarios da parcela onde se vai desenvolver. Cualificou a iniciativa de “estupenda” e destacou o traballo do grupo de vendedores “que capitanea Raquel Vargas”. Destacou tamén a posibilidade que se abre para promover o consumo de produtos de proximidade e confiou en que a feira sexa un elemento máis de dinamización da parroquia.
Finalmente, Vargas asegurou que será “unha boa oportunidade” tanto para a veciñanza como para os vendedores. Explicou que se trata dun grupo pequeno pero que ofrece produtos variados. Tamén expresou o seu agradecemento tanto ao Concello como á entidade veciñal pola súa colaboración.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar