Novas

xoves, 04 de agosto de 2022

Germán Costoya entregoulles os certificados de soporte vital básico e desfibrilación automática aos operarios do mercado da Magdalena que fixeron o curso promovido polo Concello

Tras a instalación de desfibriladores semiautomáticos, ofrecéuselles aos profesionais a posibilidade de formalos no seu manexo e en situacións de emerxencias


Germán Costoya entregoulles os certificados de soporte vital básico e desfibrilación automática aos operarios do mercado da Magdalena que fixeron o curso promovido polo Concello

FERROL, 4 DE AGOSTO. O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, entregoulles esta mañá os seus certificados aos operadores do mercado da Magdalena que participaron na primeira quenda do curso de soporte vital básico e desfibrilación automática promovido polo Concello. Despois da instalación de seis desfibriladores automáticos nos mercados municipais, no Centro Torrente Balleste, na Biblioteca e no propio Concello, a cidade conta xa con 40 dispositivos repartidos por diferentes dependencias municipais.
Para avanzar no obxectivo de converter Ferrol en cidade cardioprotexida, a iniciativa foi acompañada dunha oferta formativa para os operadores dos mercados, “que están a responder con moito interese”, destacou o edil. O curso, que consta de oito horas, conta co aval do Plan Nacional de Resucitación Cardiopulmonar e da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias. Impárteo a empresa Salus Prevención y Gestión e ata o momento xa participaron nel quince profesionais dos mercados ferroláns.
Na actualidade, Ferrol conta con desfibriladores semiautomáticos (DESA) no Teatro Jofre, no Auditorio, nos campos de fútbol de Aneiros, A Gandara e de Caranza, no Club de Remo da Cabana, no estadio da Malata, nos pavillóns da Malata, na Casa do Deporte, no pavillón de Esteiro, en FIMO, no pavillón do Inferniño e no polideportivo Gómez Noia. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol conta con outras dez unidades e o servizo municipal de praias, que se encarga do socorrismo na tempada estival, con outros nove.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar