Novas

venres, 05 de agosto de 2022

Ángel Mato: “Ferrol e Galicia están no centro das bases que van rexer o PERTE do naval”

O alcalde e o delegado do Goberno, José Miñones, analizaron no Concello con empresas e asociacións do sector o proxecto estratéxico, que porá á súa disposición 200 millóns de euros


Ángel Mato: “Ferrol e Galicia están no centro das bases que van rexer o PERTE do naval”

FERROL, 5 DE AGOSTO. O alcalde, Ángel Mato, e o delegado do Goberno, José Miñones, analizaron hoxe con empresas e asociacións do naval as bases do PERTE do sector, que porá á súa disposición 200 millóns de euros. O Concello de Ferrol foi o lugar elixido polo delegado para a primeira reunión sobre esta liña do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Nela participaron, ademais de Mato e Miñones, o voceiro do goberno local, Julián Reina; a segunda tenente de alcalde e concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus; a subdelegada do Goberno, María Rivas; o delegado de Windar Renovables en Galicia, Francisco Arechaga; o director xeral de Nervión Naval Offshore, Roberto bouzas; o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, e a responsable do departamento de relacións internacionais e comercio exterior de ASIME, Jennifer González.
“Ferrol e Galicia están no centro das bases que van rexer o PERTE”, asegurou o alcalde, en referencia ao encaixe que teñen proxectos relacionados coa dixitalización e as enerxías renovables aos que nestes momentos está enfocada a industria naval tanto da cidade como da comarca e da comunidade. As previsións que manexa o Ministerio de Industria é que a convocatoria se abrirá no outono e os primeiros proxectos poderán presentarse antes de fin de ano.
Miñones asegurou que a elección do pazo municipal como sede deste encontro responde a que o sector naval é un dos piares sobre os que o Goberno de España e o goberno local “estámos construíndo o Ferrol do futuro”. Lembrou así que o Executivo central está investindo en Ferrol 5.000 millóns de euros en moitos ámbitos, como as infraestruturas portuarias, os accesos, o ferrocarril, a rehabilitación de vivendas ou no patrimonio histórico, e que precisamente o sector naval é o destinatario da maior parte deses fondos, a correspondente ao programa das F-110. Ademais, moitas das empresas que participan no desenvolvemento das fragatas serán tamén protagonistas do PERTE.

Impacto e investimentos
O PERTE do sector naval conta cun investimento público que suma 310 millóns de euros, que suporán un impacto duns 1.476 millóns e a creación de arredor de 3.100 empregos de calidade. As previsións apuntan a un incremento da competitividade dun 15 %, e unha taxa de crecemento anual da industria naval do 9 %.
Ademais da convocatoria industrial, destinada á modernización de toda a cadea de valor, o PERTE ten dúas liñas máis de investimento, que xa están en execución: unha, de modernización tecnolóxica, cuxa convocatoria xa está en marcha e conta con 30 millóns dispoñibles baixo a xestión do Ministerio de Ciencia e Innovación, mentres que a outra consiste en axudas á modernización e á innovación por valor de 80 millóns (20 ao ano ata o 2025) e permanecerá aberta ata decembro do 2023.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar