Novas

luns, 15 de agosto de 2022

O Castelo de San Felipe recibiu en xullo 6.530 visitas, un 12% máis que en 2021

A Administración local estreou na fortaleza a mediados de mes ‘Brión 1800, a vista de click’, un diorama de gran formato que reproduce, con 700 figuras de Playmobil, a batalla de Brión. No primeiro semestre de 2022 accediron máis de 16.200 turistas


O Castelo de San Felipe recibiu en xullo 6.530 visitas, un 12% máis que en 2021

O Castelo de San Felipe recibiu ao longo do pasado mes de xullo máis de 6.530 visitas, o que supón un aumento do 12% respecto ao mesmo período do ano anterior, con 5.790 persoas. Foi a mediados do mes de xullo cando o Concello inaugurou na fortaleza, na Sala Cureñas, a exposición ‘Brión 1800, a vista de click’, un diorama de gran formato que reproduce, con figuras de Playmobil, a batalla de Brión. Trátase dunha montaxe organizada polo Concello de Ferrol e membros da Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil (Aesclick) coa colaboración do Tercio Norte. 


A recreación, na que se poden ver aspectos coma o desembarco británico na praia de Doniños, a lagoa, o propio castelo de San Felipe ou os combates nos montes de Brión, está composta por un total de 700 figuras de soldados e civís, xunto as que se colocaron todos os elementos necesarios para completar a ambientación, como barcos, armas, animais, árbores e edificacións. ‘Brión 1800, a vista de click’ ocupa unha superficie de 18 metros cadrados dentro da sala de Cureñas. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, acudiu esta fin de semana á exposición e lembrou que se pode visitar ata o 15 de outubro no horario habitual do castelo: de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas todos os días da semana.

Máis de 16.200 turistas no primeiro semestre do ano 
Desde xaneiro ata xuño do presente ano accederon ao Castelo de San Felipe máis de 16.200 turistas. No mesmo período de 2021 foron preto de 7.400 as persoas que visitaron a fortaleza tendo en conta que en xuño permaneceu pechado preto dun mes por mor das obras de rehabilitación e mantemento executadas polo Concello. 

Tamén como recurso para as ceas en lancha 
O Castelo de San Felipe vai ser tamén o principal recurso turístico no programa de ceas en lancha que ofrece o Concello a partir do próximo venres, tal e como presentou a pasada semana a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus. A embarcación fondeará fronte a fortaleza e ofrecerá menús aos turistas os días 19, 20, 26 e 27 de agosto e os días 2, 3, 9 e 10 de setembro. Reservas en https://www.viaxesgalitur.com/






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar