Novas

martes, 16 de agosto de 2022

O alcalde destaca que o Trofeo Concepción Arenal é un “referente” no ámbito deportivo

Ángel Mato anunciou que terá lugar o sábado, 20 de agosto, ás 19.30 horas, no estadio de fútbol da Malata


O alcalde destaca que o Trofeo Concepción Arenal é un “referente” no ámbito deportivo

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá a presentación do Trofeo Concepción Arenal, que suma xa 59 edicións. Terá lugar este sábado, 20 de agosto, ás 19.30 horas, no estadio de fútbol da Malata, entre o Racing de Ferrol e o Compostela. O rexedor sinalou que se trata dunha cita “referente” no ámbito deportivo da cidade que marcará o inicio das festas de verán de Ferrol. “É un dos trofeos máis lonxevos”, apuntou, “que cada ano lembra a nosa ferrolá máis ilustre”. 


Mato destacou o papel como “grandísimo embaixador” da cidade que desenvolve o Racing de Ferrol e sinalou a próxima firma do convenio co club despois de que o pleno da corporación aprobara a finais do mes de abril o outorgamento dunha concesión demanial ao Racing de Ferrol sobre as instalacións do estadio municipal da Malata. 

O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Antonio Golpe; o presidente do Racing, José María Criado; e Fernando Mosquera, en representación de Gadisa. O edil animou á poboación a acudir ao evento e Criado lembrou a traxectoria do trofeo e agradeceu ao Concello de Ferrol a “colaboración e cariño co que sempre trata ao Racing de Ferrol”. Por último, Mosquera incidiu no compromiso de Gadisa coas iniciativas que fomentan a práctica deportiva e unha alimentación saudable. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar