Novas

xoves, 01 de setembro de 2022

O Concello inaugura o sábado na Praza de Armas unha exposición do Festival PhotoESPAÑA, con obras de 12 autores recoñecidos co Premio Nacional de Fotografía

O alcalde ferrolán, Ángel Mato, presidirá o acto, ás 11 horas, xunto coa directora de PhotoESPAÑA, Claude Bussac, e a coordinadora xeral, María Pallás. Será a primeira vez que o prestixioso Festival, instaurado polo Ministerio de Cultura en 1994, desembarque na cidade naval. A mostra poderá visitarse ata o 15 de outubro


O Concello inaugura o sábado na Praza de Armas unha exposición do Festival PhotoESPAÑA, con obras de 12 autores recoñecidos co Premio Nacional de Fotografía

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidirá este sábado, ás 11 horas na Praza de Armas, o acto de inauguración da primeira exposición fotográfica que chega a Ferrol da man do prestixioso Festival PhotoESPAÑA. O acto contará coa presenza da directora de PhotoESPAÑA, Claude Bussac, e da coordinadora xeral, María Pallás. 


Desde o sábado e ata o 15 de outubro a Praza de Armas acollerá a mellor fotografía contemporánea cunha mostra que forma parte de PHotoESPAÑA 2022, o que converterá a Ferrol en sede do Festival nunha das súas edicións máis especiais xa que se celebra o XXV aniversario desta cita internacional coa fotografía e as artes visuais. 

A exposición ao aire libre ‘Tiempo y memoria. Fotografía española contemporánea’ mostrará en Ferrol unha selección das obras máis representativas de autores galardoados co Premio Nacional de Fotografía, un percorrido polas principais voces da fotografía española contemporánea. 

Estará comisariada por José María Díaz-Maroto e contará con fotografías de Pilar Aymerich, José Manuel Ballester, Juan Manuel Castro Prieto, Toni Catany, Gabriel Cualladó, Alberto García-Alix, Ouka Leele, Chema Madoz, Isabel Muñoz, Pablo Pérez Mínguez, Rafael Sanz Lobato e Alberto Schommer. 

Son 12 autores cuxa importancia e influencia esténdese sen fronteiras cunha visión heteroxénea onde conviven con equilibrio os diversos xéneros que ofrece a fotografía das últimas décadas. A paisaxe, a reportaxe, a abstracción, a fantasía, a ironía e a provocación combínanse con técnicas e formatos percorrendo máis de medio século de creación fotográfica. 

Esta exposición ofrece así unha oportunidade de gozar de moi diferentes aproximacións á fotografía da man de grandes autores: desde a fotografía de corte mais documental na mirada de Rafael Sanz Lobato e Pilar Aymerich; as fantasías e poemas visuais de Tony Catany, Chema Madoz e Isabel Muñoz —no seu traballo máis recente sobre o universo mariño—; a fotografía case pictórica de autores como Ouka Leele, José Manuel Ballester e Pablo Pérez Mínguez; ou a potencia dos brancos e negros noutros como Juan Manuel Castro Prieto, Alberto García-Alix, Gabriel Cualladó e Alberto Schommer. 

O Festival PhotoESPAÑA foi instaurado polo Ministerio de Cultura e Deporte en 1994 e desde entón acolle obras de diversos estilos e criterios. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar